Lugo acollerá unha xornada sobre o mundo apícola con conferencias e cata de mel o 30 de maio

LugoXa
A iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Apicultura e a Deputación abordará a importancia das abellas e a produción local
presentacion-xornada-sobre-o-mundo-apícola-AGA-Lugo
7 May 2026

Lugo será escenario o vindeiro 30 de maio dunha xornada dedicada ao mundo da apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Participación e Servizos á Veciñanza. A actividade desenvolverase no Vello Cárcere de Lugo, con entrada libre e gratuíta, e ofrecerá unha visión completa desta práctica e da súa importancia ambiental e produtiva.

A programación estrutúrase en sesións de mañá e tarde. A partir das 11:00 horas, o biólogo Joaquín Lozano abrirá a xornada coa charla sobre a vida das abellas e o papel dos polinizadores. A continuación, entre as 12:00 e as 13:00 horas, desenvolverase unha sesión centrada nos meles galegos, na que Iago Roca e o propio Lozano explicarán como identificalos e diferencialos, acompañando a actividade cunha cata guiada para o público asistente.

Xa pola tarde, a programación retomarase ás 17:00 horas cun relatorio de Marcos Varela sobre o manexo na apicultura produtiva, abordando cuestións prácticas do sector. Posteriormente, entre as 18:00 e as 19:00 horas, Gonzalo Calvo ofrecerá unha intervención centrada na selección de abellas resistentes á varroa, unha das principais ameazas para as colmeas.

Durante toda a xornada haberá tamén un espazo específico dirixido á infancia, co obxectivo de achegar o mundo apícola ás xeracións máis novas.

A actividade foi presentada pola deputada Iria Castro, a concelleira Cristina López e a responsable da AGA, Marita Puga, quen destacaron o carácter divulgativo da proposta. A iniciativa enmárcase na estratexia de promoción do mel e apoio aos produtos de proximidade impulsada polas institucións organizadoras.

0.12731409072876