Lugo acolleu a presentación do libro homenaxe á Marquesa de Parabere

LugoXa
A cita reuniu chefs, escritores e expertos que destacaron a influencia da autora na cociña española
presentación-do-libro-Homenaxe-á-Marquesa-de-Parabere-Lugo
26 Mar 2026

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo foi escenario esta tarde da presentación do libro Homenaxe á Marquesa de Parabere, un acto que se completou cunha conferencia centrada na traxectoria desta empresaria e autora clave da gastronomía española durante a primeira metade do século XX.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no evento despois de manter pola mañá un encontro na Delegación Territorial con varios dos asistentes a esta xornada.

Na conferencia e posterior presentación interviron Santi Almuiña, xefe de cociña do Mesón Colón de Nadela, e a axente literaria Déborah Albardonedo, coautores da publicación. Tamén tomaron parte os chefs Ricardo Sanz, Rafa Centeno —primeiro cociñeiro en obter unha estrela Michelín na provincia de Lugo co restaurante Vértigo de Sober— e Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira na Coruña, xunto ao escritor Francisco Narla e o presidente de Cociñeiros de Lugo, Juan Rubiños. Así mesmo, estivo presente o director Ignacio Carballo, quen avanzou a próxima gravación do documental Mi querida Parebere, centrado na vida da marquesa.

O libro Homenaxe á Marquesa de Parabere, editado por Planeta Gastro no 2019, recompila 50 das receitas máis representativas de María Mestayer de Echagüe, coñecida como a Marquesa de Parabere. A obra reproduce tanto as elaboracións orixinais como as reinterpretacións realizadas por medio cento de chefs contemporáneos, entre eles varios dos participantes no acto celebrado en Lugo, quen durante a tarde ofreceron ademais demostracións culinarias en directo no IES Sanxillao.

0.13279604911804