Lugo acolleu a primeira Gala Talento Xove Lucense para visibilizar a creatividade da mocidade

A sede da Xunta en Lugo acolleu a primeira edición da Gala Talento Xove Lucense, unha cita destinada a poñer en valor o talento creativo da mocidade da provincia a través da exhibición de proxectos recoñecidos nos programas Xuventude Crea e Iniciativa Xove. Ambas iniciativas, promovidas polo Goberno galego, buscan ofrecer un espazo de difusión ás inquedanzas artísticas da xuventude, tanto a nivel individual como colectivo.
Durante o acto, o delegado territorial, Javier Arias, trasladou os seus parabéns ás persoas premiadas, destacando o seu mérito nunha ampla diversidade de disciplinas fronte aos máis de 600 participantes que concorreron ao 16º certame Xuventude Crea, así como ao conxunto de inscritos no 15º programa Iniciativa Xove. Ademais, animou á mocidade a aproveitar este tipo de convocatorias, que actúan non só como apoio económico para impulsar novas iniciativas, senón tamén como unha plataforma de visibilidade para dar a coñecer o seu traballo. Neste sentido, lembrou que os premiados poden acceder a programas de formación e mentoring orientados a desenvolver os seus proxectos.
A gala incluíu distintas actuacións e intervencións dos galardoados. Na modalidade de danza moderna, Lugo destacou cun primeiro premio para Miguel Figueiro pola peza Yo Quisiera, mentres que o segundo recaeu en Uxía Alonso e Mateo Usera por Perigo de extinción. O terceiro premio foi compartido, figurando entre as gañadoras Irene Sisto coa proposta Negra Sombra, mentres que Ana García e Emma Cruz acadaron a condición de finalistas con Fénix.
No ámbito escénico, o grupo Os Palimoquiños, de Palimoco Teatro, levou á gala unha representación da obra Zulo, coa que obtiveron o primeiro premio en teatro afeccionado. Pola súa banda, o gañador na categoría de creación de videoxogos, que non puido asistir, presentou o seu traballo Kitty Witchy a través dun vídeo. Tamén se deron a coñecer proxectos finalistas noutras disciplinas, como a fotografía, coa proposta Metamorfose de Uxía Rois; a videocreación, con Maleza de Antón Manuel Carral; e a banda deseñada, con Coraxe de María Xoana Nogueira.
Ademais, durante o evento presentouse a iniciativa Semente Coral, liderada por Pablo Rico, orientada á difusión da música coral nos centros educativos. Este proxecto foi seleccionado, xunto a outras cinco propostas galegas, entre os primeiros premios do programa Iniciativa Xove, que desde hai 15 anos apoia accións impulsadas pola mocidade a través da Dirección Xeral da Xuventude.