Lugo acolleu a terceira sesión de Lugopoética 2026 con poesía e música en directo

LugoXa
O encontro, celebrado na UNED, incorporou por primeira vez interpretacións musicais ao programa
LugoPoética-Lugo-2026
24 Apr 2026

A sede da UNED en Lugo acolleu a terceira das seis sesións de Lugopoética 2026, unha iniciativa promovida por Egeria co apoio da propia UNED e da Xunta de Galicia, que celebra este ano a súa terceira edición.

O acto, coordinado por Xosé Carlos Ulloa, contou coa participación dos creadores Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto, que leron e comentaron os seus poemas ante o público asistente. A sesión comezou coa intervención de Ana Traseira, quen deu a benvida aos participantes.

Como novidade destacada nesta edición, a xornada incorporou a música ao formato habitual do ciclo. A nova intérprete Angélica Darriba Fernández, de 12 anos e alumna das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, ofreceu varias pezas coa frauta traveseira ao longo do evento.

Deste xeito, poesía e música déronse a man nunha proposta cultural que continuará nas vindeiras sesións coa participación doutros alumnos destas escolas, ampliando así o alcance artístico do proxecto.

0.13260388374329