Lugo acolleu un encontro co equipo dos Premios Mestre Mateo

Lugo foi escenario dun encontro profesional arredor dos Premios Mestre Mateo, no que participaron integrantes do equipo responsable da produción e comunicación da gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou na apertura da xornada a relevancia de que a gala teña lugar por primeira vez na cidade, salientando que esta cita contribúe a consolidar Lugo como espazo de creación e dinamización cultural. A responsable provincial puxo o foco, ademais, no impacto que pode ter para o alumnado que actualmente se está formando no ámbito audiovisual.
Durante o coloquio, Martín Cañedo (dirección de produción), Yohana Silva (xefatura de produción), Candela Montero (axudantía de produción), Sandra Carnota (comunicación) e Alicia Alonso (redes sociais e contidos web) compartiron a súa experiencia na organización dun evento destas características. Explicaron como se coordina o amplo equipo humano que traballa tras a gala e os retos técnicos e loxísticos que implica unha retransmisión en directo por televisión.
O encontro celebrouse no Centro de Formación Audiovisual da Deputación, onde se imparten ciclos superiores de Realización e Produción. O estudantado participou activamente, formulando preguntas sobre a planificación, os tempos de traballo e a xestión dos distintos departamentos implicados nunha produción de gran formato.
Tamén interveu a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, quen subliñou o esforzo que se vén realizando en Lugo para impulsar o sector audiovisual, lembrando proxectos como o Paseo do Cine do Parque de Frigsa, promovido polo Grupo Fonmiñá, e defendendo a necesidade de garantir o acceso á cultura en todo o territorio.
A actividade enmárcase na programación impulsada pola Academia Galega do Audiovisual co obxectivo de achegar a gala á cidadanía e poñer en valor a importancia da industria audiovisual galega. Como complemento, durante este mes estanse proxectando en Lugo as longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex.