Antonio Ríos deu unha charla en Lugo sobre os retos da adolescencia

A sede da Xunta en Lugo acolleu unha conferencia de Antonio Ríos, médico psicoterapeuta especializado na adolescencia, autor de diversos libros e podcast sobre esta etapa e coñecido tamén polo seu labor divulgativo nas redes sociais. A actividade enmárcase no ciclo de charlas organizado polo colexio Galén con motivo do seu 25 aniversario.
Na presentación do acto participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director do centro educativo, Raúl Pérez.
Durante a súa intervención, Antonio Ríos analizou os principais desafíos da adolescencia e ofreceu ferramentas para comprender mellor esta etapa da vida, ademais de pautas orientadas a favorecer a convivencia familiar e educativa. A charla desenvolveuse cun enfoque práctico e divulgativo, especialmente pensado para pais, nais e profesionais da educación.
O ciclo conmemorativo do colexio Galén iniciouse o pasado 27 de abril coa conferencia do profesor e escritor César Bona e concluirá o venres 29 de maio na Delegación Territorial coa participación do neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño.