Lugo activa a coordinación institucional ante a eclipse total de Sol do 12 de agosto

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu unha reunión de coordinación na Subdelegación do Goberno para avanzar na preparación do dispositivo especial previsto con motivo da eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que atraerá a milleiros de persoas á provincia.
No encontro participaron representantes dos distintos organismos da Administración Xeral do Estado implicados na organización do operativo, entre eles Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Protección Civil, Capitanía Marítima, Xefatura Provincial de Tráfico e Inspección Provincial de Telecomunicacións. Tamén asistiron responsables de Emerxencias da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
Durante a reunión analizáronse os principais puntos de observación habilitados na provincia, os accesos aos mesmos e a previsión de desprazamentos de visitantes. Ademais, abordáronse cuestións relacionadas coa seguridade cidadá, a mobilidade e a difusión das recomendacións necesarias para unha observación segura do fenómeno.
A subdelegada destacou a importancia da coordinación entre administracións ante un acontecemento que non se produce na Península Ibérica desde hai máis de 120 anos e que situará Lugo como un dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse. Neste sentido, insistiu na necesidade de utilizar lentes homologadas para evitar danos oculares durante a observación.
Nos últimos meses, a representante do Goberno central mantivo tamén encontros cos alcaldes e alcaldesas da provincia para coordinar a planificación do evento e trasladar recomendacións á cidadanía. Entre elas, figura a conveniencia de organizar os desprazamentos con antelación e evitar viaxar o mesmo día da eclipse debido á elevada afluencia de tráfico prevista. Tamén se recomenda extremar a precaución ao volante pola redución repentina da luminosidade durante a fase de totalidade e descargar a aplicación AlertCops para comunicar incidencias ás forzas e corpos de seguridade.
Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, o 98 % do territorio da provincia de Lugo quedará dentro da franxa de totalidade da eclipse, converténdose nun dos mellores lugares de Galicia e de España para seguir o fenómeno. A duración da fase total variará segundo a localización, podendo alcanzar ata 1 minuto e 49 segundos na comarca da Mariña, unha das zonas máis favorecidas para a observación.
A información detallada sobre horarios, características técnicas e recomendacións para observar a eclipse pode consultarse na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional.