Lugo activará en novembro o Consello do Maior para incorporar a voz das persoas maiores

O Concello de Lugo activará no mes de novembro o Consello do Maior, un novo espazo de participación e diálogo destinado a que as persoas maiores da cidade poidan trasladar directamente ao Goberno municipal as súas propostas e necesidades. A alcaldesa, Elena Candia, anunciou a posta en marcha deste órgano durante a celebración do Día Internacional das Persoas de Idade, que reuniu aos maiores da cidade nunha xornada de convivencia.
Candia participou en varios dos actos programados e destacou a importancia de contar coa experiencia e as achegas deste colectivo na vida municipal. "Hoxe é un día para compartir, para escoitar e tamén para dar as grazas. Os nosos maiores déronnos moito, coa súa experiencia, co seu traballo e coa súa xenerosidade, e creo que temos a responsabilidade de recoñecelo e de estar tamén ao seu lado", sinalou.
A alcaldesa defendeu tamén o papel activo das persoas maiores na sociedade e asegurou que "non son só receptoras de servizos ou coidados: son cidadáns activos, con experiencia, coñecementos, capacidades e moito que aportar á cidade".
Sobre o futuro Consello do Maior, Candia explicou que o obxectivo é crear un marco estable no que este colectivo poida participar e facer chegar as súas demandas ao Concello. "Queremos un Lugo no que os nosos maiores poidan seguir facendo vida, participando e achegando. Porque teñen moito que aportar á nosa cidade e queremos contar con eles", afirmou.
Unha xornada de convivencia
A celebración do Día Internacional das Persoas de Idade comezou diante da Casa do Concello, desde onde os participantes realizaron unha ruta ata o Pazo de Feiras e Congresos acompañados por un guía. Neste espazo desenvolveuse o resto da programación prevista para a xornada.
O concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz, tamén participou na celebración e trasladou o agradecemento do Concello ás persoas maiores pola súa contribución á cidade. "Temos moito que agradecer a unha xeración que tanto fixo e que tanto nos segue aportando. Todo o que hoxe é Lugo leva tamén o seu esforzo", afirmou.