Lugo analiza a Transición democrática nunha mesa con especialistas en historia contemporánea

A Fundación Luis Tilve e a Deputación de Lugo organizarán este xoves 5 de novembro a mesa de debate 'O tránsito á democracia', incluída no programa 'Lugo con Memoria'. A actividade celebrarase ás 19:30 horas no salón de actos da institución provincial e analizará a Transición española desde diferentes perspectivas históricas, con especial atención ás particularidades galegas e a enfoques menos estudados.
A mesa estará moderada por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve, e contará coa participación de Pilar García Porto, deputada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo; Francisco J. Leira Castiñeira, doutor en Historia e profesor e investigador Ramón y Cajal na Universidade Carlos III de Madrid; Emilio Grandío Seoane, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC); e Daniela Fernández Pérez, doutora en Historia e investigadora posdoutoral do grupo Histagra da USC.
Leira Castiñeira é especialista na historia social e militar da Guerra Civil e do franquismo, así como nos procesos de memoria histórica. Entre as súas publicacións figuran 'Los Nadies de la Guerra de España' (Akal, 2022), 'El pacifismo en España desde 1808 al No a la Guerra de Iraq' (Akal, 2023) e 'Retrato de la Transición. La memoria que escondimos en el desván'.
Pola súa banda, Emilio Grandío Seoane desenvolve a súa investigación arredor da historia política e social desde a Segunda República ata a Transición democrática, pasando pola ditadura franquista e os servizos de información. Foi coordinador de proxectos sobre memoria histórica e dirixe actualmente a Cátedra de Memoria Democrática da USC. Entre as súas obras destacan 'Anos de guerra. A Coruña, 1936-1939', 'Derribar a Franco' e 'Hora Zero. La inteligencia británica en España durante la Segunda Guerra Mundial'.
Daniela Fernández Pérez centrou os seus traballos na violencia política durante o franquismo, o clientelismo, o feminismo e os partidos políticos na Transición. Doutora pola Universidade de Alicante e con formación en Historia Contemporánea pola USC, participou en proxectos de investigación sobre memoria histórica, represión franquista e historia do movemento LGBT en Galicia.
A iniciativa pretende ofrecer unha visión ampla do tránsito á democracia, incorporando investigacións sobre a memoria, a violencia política, as dinámicas de poder e os actores sociais que contribuíron a configurar este período histórico.