Lugo analiza o papel das mulleres e da innovación para construír un rural con futuro

LugoXa
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC acolleu unha xornada sobre igualdade, transformación dixital, emprendemento e benestar no medio rural
Xornada-Muller-rural-Deputacion-USC
19 Oct 2026

As mulleres, a innovación e a igualdade centraron este luns unha xornada celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no campus de Lugo, para abordar os retos e as oportunidades do medio rural. O encontro, titulado "Sementando futuros resilientes para o rural: mulleres e innovación, gobernanza e benestar", puxo o foco na contribución das mulleres á economía e á vida social das comunidades rurais.

Na apertura institucional, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, reivindicou a necesidade de recoñecer e dar visibilidade ao traballo das mulleres. "Sen as mulleres non hai rural posible, e sen rural non temos futuro nesta provincia", afirmou durante a súa intervención.

Rivera defendeu que a igualdade de xénero debe incorporarse ao conxunto das políticas públicas e sinalou que garantir o futuro do rural require crear oportunidades, apoiar o tecido económico, impulsar a formación e o emprendemento e facilitar o acceso aos servizos.

O programa da xornada incluíu unha conferencia da enxeñeira de Telecomunicacións Sonia Valladares, centrada na transformación dixital e nas posibilidades que ofrece para as mulleres rurais. Tamén se celebrou unha mesa redonda coa participación da emprendedora Chelo López e de Verónica Marcos, representante de FADEMUR, para abordar diferentes experiencias e perspectivas relacionadas co medio rural.

A visibilidade das mulleres foi tamén protagonista coa presentación da exposición "Mulleres no rural: unha realidade invisibilizada", a cargo das profesoras Rosa Romero e María Iniesto. A mostra está vinculada á serie fotográfica "Facedoras de Lugo", de Mar Caldas, e busca poñer en valor a contribución das mulleres á realidade rural.

Na apertura participaron, ademais, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Carlos Amiama; e a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero do centro, Dolores Fernández.

0.139732837677