Lugo aproba a primeira modificación da RPT desde 2020 e impulsa medidas en persoal, urbanismo e conciliación

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou a primeira modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) desde a súa entrada en vigor no ano 2020, unha actualización consensuada por unanimidade na Mesa Xeral de Negociación co apoio de todas as organizacións sindicais con representación municipal.
Segundo explicaron desde o Goberno local, esta revisión busca adaptar a organización municipal ás necesidades actuais dos servizos e á evolución da propia Administración, tras un proceso de diálogo desenvolvido nas últimas semanas que incluíu varias mesas de traballo e negociación.
Entre as principais modificacións incorporadas figura a adaptación da categoría profesional dos músicos da Banda Municipal, unha medida que permitirá desbloquear a reapertura da Escola Municipal de Música durante o curso 2026-2027, despois de permanecer dous cursos sen actividade. Ademais, tamén permitirá executar sentenzas firmes pendentes desde o ano 2021.
No ámbito do persoal, aprobouse o proxecto do Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde do Concello, un documento que ata o momento non existía e que permitirá regular o funcionamento deste órgano en materia de prevención de riscos laborais.
Tamén se deu luz verde ao proceso de selección dos cinco integrantes da brigada municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, que prestará servizo ao abeiro do convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural. O obxectivo é reforzar as actuacións de prevención e extinción durante a campaña de 2026.
En materia deportiva, a Xunta de Goberno Local iniciou a contratación da subministración de medallas, camisetas e trofeos destinados ás actividades organizadas pola área de Deportes, cun investimento de 27.920 euros.
No apartado urbanístico aprobouse a licenza para rehabilitar e ampliar un inmoble situado na rúa San Pedro, cun investimento superior aos 442.000 euros. O proxecto contempla a creación dun local comercial, 13 estudos —un deles adaptado— e tres apartamentos turísticos. Ademais, aprobouse o expediente de expropiación dos bens e dereitos necesarios para o desenvolvemento do sector SUD S-16R, situado na contorna do Carrefour.
Por outra banda, no ámbito da conciliación adxudicouse o servizo municipal *Camiño ás Aulas* á empresa Ludus Tempori Sociedade Cooperativa Galega por un importe de 26.888,75 euros. Este programa facilita o acompañamento diario do alumnado de Educación Infantil e Primaria ata os centros educativos mediante percorridos seguros con monitores.
A Xunta tamén abordou outras cuestións relacionadas co persoal municipal e aprobou a continuidade do servizo de colaboración na inspección tributaria durante un novo ano.