Aprobada a renovación do trazado do Camiño Primitivo ao seu paso por San Lázaro da Ponte

LugoXa
A actuación inclúe a creación dunha senda diferenciada, mellora do firme e nova sinalización cun investimento de máis de 217.000 euros
San-Lazaro-da-Ponte-Camiño-Primitivo-Lugo
15 Apr 2026

A Tenencia de Alcaldía de Lugo aprobou a renovación do trazado do Camiño Primitivo ao seu paso por San Lázaro da Ponte, unha actuación coa que se busca mellorar a seguridade viaria e reforzar a protección das persoas peregrinas nun dos tramos de saída da cidade.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que tras completar a renovación do Camiño na súa entrada a Lugo, o Concello continúa agora a traballar no treito de saída cunha intervención que permitirá dispoñer dun espazo peonil diferenciado. Segundo indicou, esta medida incrementará a seguridade das persoas que realizan o Camiño.

A zona de actuación comeza na intersección coa rúa Fermín Rivera e avanza en dirección oeste ata cruzar mediante un paso inferior a estrada N-540. A continuación, continúa en sentido suroeste ata chegar á estrada de Friol. Trátase dun tramo que presenta na actualidade un elevado estado de deterioro, polo que se executará unha intervención integral.

Os traballos previstos inclúen a limpeza de cunetas para garantir unha correcta drenaxe e evitar os efectos da auga sobre a vía unha vez reparada, así como a reconstrución completa do firme mediante unha nova capa de rodadura de mestura asfáltica en quente, que permitirá unha maior durabilidade. No caso do paso inferior da N-540, manterase o formigón existente ao atoparse en bo estado.

A intervención completará tamén a renovación integral da sinalización horizontal e vertical, coa indicación dos pasos de peóns e dos distintos núcleos de poboación. Ademais, delimitarase unha nova senda peonil de 1,2 metros de ancho que separará o tránsito de vehículos do dos peóns.

Esta actuación sairá a licitación cun orzamento máximo de 217.051,36 euros e un prazo de execución de tres meses.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén a apertura do procedemento de contratación para a produción e dotación técnica do Auditorio Fuxan os Ventos. O contrato inclúe a dotación de persoal e material técnico complementario ao xa existente para o desenvolvemento de actividades municipais e externas.

A licitación contará cun orzamento de 200.000 euros anuais e unha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de cinco. Ademais da oferta económica, valoraranse melloras como a achega gratuíta de material e persoal por parte da empresa adxudicataria e un plan de formación anual para o persoal da instalación.

0.1223509311676