Lugo aproba o servizo de roza no medio rural para reforzar a prevención de incendios

LugoXa
O Concello investirá 280.637 euros para manter camiños e parcelas en condicións durante o verán
rural-de-Lugo-Sagrado-Corazón---HULA
1 Apr 2026

O Concello de Lugo aprobou a contratación, mediante lotes, do servizo de roza de pistas e terreos no medio rural, cun investimento total de 280.637,36 euros. Esta actuación busca reforzar as tarefas de mantemento e prevención de incendios forestais de cara á campaña estival.

“Estamos a falar dunha intervención clave nestes meses, nos que o risco de incendios aumenta considerablemente. A prevención é fundamental, e pasa por manter limpos e en bo estado os camiños e parcelas”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández, quen engadiu que “adiantarse e planificar é a mellor ferramenta para protexer o noso territorio e garantir a seguridade da veciñanza”.

O contrato divídese en catro lotes correspondentes ás zonas norte, leste, sur e oeste do municipio, permitindo unha cobertura integral de todas as parroquias. Intervirase sobre un total estimado de 770 quilómetros: 180 na zona norte, 180 na leste, 190 na sur e 200 na oeste, ademais das superficies de parcelas en cada área.

En canto ao investimento, o lote 1 (norte) conta con 67.425,86 euros; o lote 2 (leste), con 67.425,86 euros; o lote 3 (sur), con 71.070,50 euros; e o lote 4 (oeste), con 74.715,14 euros. O sistema de execución adaptarase aos quilómetros efectivamente desbrozados, garantindo unha resposta áxil ás necesidades reais do territorio.

Os traballos desenvolveranse durante tres meses, entre xuño e setembro, podendo adaptarse ás condicións e necesidades detectadas, sempre co obxectivo de reforzar a seguridade e o estado do medio rural.

Esta intervención forma parte do convenio coa Consellería do Medio Rural en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e está parcialmente cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023‑2027.

Con esta medida, o Concello de Lugo continúa avanzando na mellora das infraestruturas rurais e na protección do territorio, contribuíndo a reducir o risco de incendios e a manter un medio rural máis seguro e sostible.

0.1252269744873