Lugo avanza cara á ampliación da Protectora de Animais tras completar a tramitación técnica municipal

O Concello de Lugo deu un novo impulso ao proxecto de ampliación da Protectora de Animais tras completar a tramitación técnica municipal necesaria para facer realidade a actuación. A sinatura do informe-proposta do Servizo de Fomento permitiu pechar este procedemento administrativo, imprescindible para avanzar na aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.
Este trámite supón o último paso administrativo previo á aprobación definitiva do acordo na Xunta de Goberno Local, así como á posterior sinatura das catro entidades participantes e á tramitación económica que permitirá iniciar as obras.
A actuación contará cun investimento de 744.436,09 euros, destinado á legalización, reforma e ampliación das instalacións actuais da Protectora. A previsión é que os traballos estean executados e debidamente xustificados antes do 31 de decembro de 2026.
As intervencións previstas permitirán unha mellora significativa das condicións do centro, adaptando as instalacións á normativa vixente e creando espazos máis modernos, prácticos e preparados para ofrecer unha mellor atención aos animais acollidos. Ademais, a reforma contribuirá a optimizar os espazos de aloxamento, facilitar o manexo dos animais e reforzar a atención veterinaria, respondendo así a unha demanda histórica da cidade.
O proxecto será posible grazas á colaboración entre as catro entidades implicadas. O Concello de Lugo desenvolve as súas competencias en materia de benestar animal, mentres que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, promove as políticas de protección animal. Pola súa banda, a Deputación Provincial participa no financiamento da actuación e a Sociedade Protectora de Animais achega a súa experiencia e o traballo diario no coidado dos animais.
As entidades participantes comparten o obxectivo de dotar a Lugo dun centro adaptado ás necesidades actuais e cunhas instalacións que reúnan as condicións técnicas, sanitarias e funcionais necesarias para garantir o benestar animal.
Con este novo avance administrativo, a cidade dá un paso máis cara a unha nova etapa para a Protectora de Animais. O Concello confía en completar nos próximos días a aprobación e sinatura do convenio para poder iniciar as obras canto antes.