Lugo avanza na construción do novo centro de atención Primaria do Sagrado Corazón

LugoXa
A parcela, cunha edificabilidade superior aos 1.600 m² esixidos, permitirá unha intervención máis eficiente desde un punto de vista patrimonial
centro_saude_sagrado_corazon
7 Out 2024

O Concello de Lugo vén de enviar á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a proposta revisada do Convenio para construír o novo Centro de Atención Primaria no barrio do Sagrado Corazón. A alcaldesa, Paula Alvarellos, confirmou que o equipo técnico municipal aceptou os requisitos establecidos pola Xunta de Galicia, aínda que a intervención se realizará finalmente nunha nova parcela municipal para axustarse mellor a estas esixencias.

Segundo a rexedora, a Xunta limitou o seu compromiso coa creación exclusiva do centro sanitario, desatendendo as demandas cidadás de incluír novos equipamentos sociais no antigo terreo do colexio do Sagrado Corazón, o único espazo dotacional dispoñible no barrio. Ante esta decisión, o Concello propuxo un predio alternativo no polígono C de Paradai, que cumpre con todos os requisitos técnicos e urbanísticos. A parcela, cunha edificabilidade superior aos 1.600 m² esixidos, permitirá unha intervención máis eficiente desde un punto de vista patrimonial. O terreo está xa pavimentado, con acceso a servizos básicos como auga potable, saneamento e electricidade, o que reducirá os custos de acondicionamento e facilitará o inicio das obras.

A nova localización, preto da rotonda da rúa Serra de Meira, ofrece vantaxes adicionais, como unha topografía favorable para a construción e unha mellor conectividade, ao estar próxima á futura Estación Intermodal de Lugo. Ademais, a contorna conta con numerosas prazas de estacionamento. O Concello comprometeuse a realizar todos os trámites patrimoniais necesarios para ceder o terreo ao SERGAS e axilizar a concesión da licenza urbanística para o proxecto. Tamén se contempla unha modificación das ordenanzas fiscais para eximir o SERGAS de certos impostos, facilitando así a execución da obra.

A alcaldesa Alvarellos expresou o seu desexo de que a Xunta responda positivamente a esta nova proposta e destacou que, aínda que lle gustaría que o compromiso autonómico con Lugo fora maior, o Concello está a actuar con responsabilidade para promover o desenvolvemento de servizos clave para a cidade. “Estamos a facilitar a implantación deste centro de saúde, unha infraestrutura necesaria para o barrio do Sagrado Corazón, e facendo un uso eficiente dos recursos públicos para o beneficio de todos os lucenses”, concluíu a rexedora.

0.21806287765503