Lugo avanza na proposta de dedicar unha infraestrutura a Tomás Notario, referente da enxeñería e da vida pública local

LugoXa
A iniciativa, apoiada por unanimidade no Pleno, busca recoñecer a traxectoria do enxeñeiro lucense e impulsar tamén un elemento conmemorativo na contorna da ponte
fundacion-tomas-notario-caixa-rural
18 May 2026

O Concello de Lugo continúa dando pasos para sacar adiante a proposta de designar unha infraestrutura da cidade co nome de Tomás Notario Vacas, enxeñeiro lucense e figura destacada no desenvolvemento das infraestruturas locais e na vida pública do municipio.

A cuestión foi obxecto dunha reunión de seguimento que dá continuidade ao acordo aprobado por unanimidade no Pleno municipal do pasado mes de marzo de 2026, no que a Corporación instaba ao Ministerio de Transportes a aceptar esta denominación como forma de recoñecemento histórico e de xustiza cara a unha personalidade estreitamente vinculada á evolución urbana e técnica de Lugo.

Durante o encontro analizáronse os seguintes pasos administrativos e institucionais necesarios para manter viva a iniciativa, despois de que o Ministerio trasladase recentemente que non é habitual na súa práctica asignar nomes de persoas a infraestruturas da rede estatal. Con todo, segundo se explicou na reunión, esta resposta non pecha a vía para seguir defendendo a proposta impulsada polo Colexio de Enxeñeiros.

Neste contexto, tamén se puxo enriba da mesa a posibilidade de instalar un elemento conmemorativo nas inmediacións da ponte, unha proposta formulada inicialmente por María Reigosa e posteriormente incorporada ao acordo plenario aprobado por unanimidade.

O goberno local subliña a importancia de continuar traballando de forma coordinada co Colexio de Enxeñeiros e coas entidades vinculadas á figura de Tomás Notario, co obxectivo de acadar un recoñecemento institucional acorde coa relevancia da súa traxectoria profesional e co seu papel no desenvolvemento da cidade.

Tomás Notario Vacas foi enxeñeiro da Administración central con destino en Lugo, alcalde da cidade en dúas etapas e impulsor da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, unha entidade que promove bolsas de estudo especialmente orientadas ao ámbito do sector primario.

0.11717915534973