Lugo busca unha resposta coordinada ante o aumento de xabarís na cidade

LugoXa
A Alcaldía convoca ás administracións con competencias para analizar medidas que permitan reducir a presenza destes animais no casco urbano
xabaril-Fingoi-Lugo
4 Aug 2026

A Alcaldía de Lugo convocou para o vindeiro 6 de agosto unha reunión urxente coas distintas administracións con competencias na materia para abordar a crecente presenza de xabarís no casco urbano. O encontro reunirá representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Administración Xeral do Estado, a través da Subdelegación do Goberno.

A iniciativa pretende poñer en común a situación actual e avanzar nunha estratexia compartida para facer fronte a un problema que preocupa cada vez máis á veciñanza. Nos últimos meses, a presenza destes animais en distintos puntos da cidade provocou danos en zonas verdes e no mobiliario urbano, ademais de incrementar os riscos para a circulación e para a seguridade das persoas.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, defendeu a necesidade de que todas as institucións implicadas traballen de maneira coordinada para ofrecer solucións efectivas. “Os xabarís non entenden de administracións nin de competencias. Os lucenses o que esperan de nós son solucións”, afirmou, incidindo na importancia de que cada organismo asuma as súas responsabilidades para actuar de forma conxunta.

Durante a reunión analizaranse as competencias de cada administración e estudarase a posta en marcha de medidas destinadas a reducir a presenza destes animais no núcleo urbano. Entre as actuacións que se abordarán figuran labores de limpeza e control da biomasa nas marxes fluviais e zonas periurbanas, posibles medidas de control poboacional, campañas de sensibilización sobre a correcta xestión dos residuos e a creación dunha Mesa de Traballo Técnica Interadministrativa que permita realizar un seguimento continuado dos acordos que se adopten.

A rexedora insistiu en que a convocatoria non pretende derivar responsabilidades, senón fomentar a colaboración entre todas as administracións implicadas. Neste sentido, asegurou que o Concello está disposto a actuar dentro das súas competencias, pero lembrou que parte dos espazos afectados dependen doutros organismos.

O obxectivo final é establecer unha folla de ruta común que permita adoptar medidas inmediatas para mellorar a seguridade, protexer os espazos públicos e responder a unha das preocupacións que máis medrou entre a cidadanía nos últimos anos.

0.12207078933716