Lugo celebra a I Gala Talento Xove Lucense para recoñecer a creatividade da mocidade

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá este mércores, 15 de abril, a primeira edición da Gala Talento Xove Lucense, un evento co que se pretende poñer en valor o talento da mocidade da provincia a través do recoñecemento a doce proxectos galardoados nos certames Xuventude Crea e Iniciativa Xove 2025, promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O delegado territorial, Javier Arias, presentou a iniciativa acompañado do director territorial da Consellería, Manuel Antonio Fernández, e da directora do Xove Coro de Lugo, Claudia Rico, quen será a encargada de conducir a gala. O acto celebrarase ás 19.00 horas no salón de actos da sede autonómica, con entrada libre.
Segundo explicou Arias, o principal obxectivo desta cita é dar visibilidade á “gran calidade e orixinalidade” das propostas seleccionadas nestes programas, orientados a impulsar a creatividade, a formación e o espírito emprendedor entre a xuventude.
Durante a gala, no marco do programa Xuventude Crea, os autores e autoras presentarán as obras coas que acadaron premios ou quedaron finalistas en diferentes disciplinas. O público poderá asistir a exhibicións de danza moderna e teatro afeccionado, así como visitar unha exposición fotográfica e coñecer proxectos de banda deseñada, videoxogos e videocreación.
Ademais, presentarase o proxecto Semente Coral, liderado por Pablo Rico, que foi recoñecido co premio Iniciativa Xove 2025 xunto a outras cinco iniciativas galegas. Esta proposta céntrase na organización de concertos didácticos de canto coral en centros educativos, co fin de achegar este xénero musical á mocidade.
Na 16ª edición de Xuventude Crea, que contou coa participación de máis de 600 persoas, foron seleccionadas dez obras de creadores do municipio de Lugo e unha do concello de Cervo, esta última finalista na categoría de poesía.
A cidade de Lugo destacou especialmente na modalidade de danza moderna, onde Miguel Figueiro obtivo o primeiro premio pola peza Yo Quisiera, mentres que Uxía Alonso e Mateo Usera acadaron o segundo posto con Perigo de extinción. O terceiro premio foi compartido e incluíu a Irene Sisto pola obra Negra Sombra, mentres que Ana García e Emma Cruz foron finalistas con Fénix.
No ámbito do teatro afeccionado, o primeiro premio recaeu en Os Palimoquiños, da compañía Palimoco Teatro, pola obra Zulo. Tamén destacou Javier Mayor, que acadou o primeiro posto na categoría de videoxogos co proxecto Kitty Witchy.
Na modalidade de poesía resultaron finalistas Óscar Baamonde, pola obra Folla en branco, e Bárbara Leiro, de Cervo, por A cidade compostelá. Tamén obtiveron recoñecementos como finalistas Uxía Rois en fotografía coa proposta Metamorfose; Antón Manuel Carral en videocreación con Maleza; e María Xoana Nogueira en banda deseñada coa obra Coraxe.