Lugo celebra a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia nunha cerimonia con séculos de historia

Lugo volveu ser este domingo o escenario da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha tradición con máis de tres séculos de historia declarada Ben de Interese Cultural e considerada unha das celebracións institucionais máis singulares do patrimonio galego.
A xornada arrincou coa recepción oficial na Casa do Concello, presidida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia. No acto participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, encargado este ano de realizar a ofrenda, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, ademais de representantes das restantes cidades históricas do antigo Reino de Galicia.
Durante a recepción produciuse o intercambio de agasallos institucionais entre Lugo e Tui, así como a sinatura do Libro de Honra do Concello por parte do delegado rexio da cerimonia.
Posteriormente, a comitiva trasladouse á Catedral de Lugo para asistir á misa solemne e á tradicional ofrenda, realizada polo rexedor tudense en representación das sete antigas capitais galegas. Ao acto acudiron representantes das principais institucións galegas, así como autoridades civís, militares e relixiosas.
A celebración rematou coa procesión polas rúas da cidade, na que a música tradicional e os elementos etnográficos volveron ter un papel destacado. Os Xílgaros abriron o desfile e a Asociación Cultural e Xuvenil do Traxe Tradicional de Tui pechou a comitiva, mentres que a Escola O Xeito protagonizou as tradicionais danzas de arcos e castañolas.
Tamén participaron integrantes do grupo etnográfico Traxandaina, contribuíndo á posta en valor do patrimonio inmaterial galego. A propia alcaldesa de Lugo sumouse ao acto vestindo un traxe tradicional galego cedido pola entidade.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten a súa orixe no voto solemne realizado polas sete cidades históricas en 1669. Desde entón, a cerimonia mantense viva como símbolo da continuidade histórica de Galicia e do compromiso das institucións coa conservación dun legado que forma parte da identidade colectiva do país.