Lugo celebra o 15 aniversario do HULA cun acto institucional centrado na súa evolución e futuro

GaliciaXa | LugoXa
Responsables sanitarios e políticos destacan o crecemento do hospital, a súa tecnoloxía e o papel clave dos profesionais na consolidación do complexo como referencia do sistema sanitario galego
acto-conmemoracion-XV-Aniversario-HULA-Lugo
4 Jun 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) celebrou o seu XV aniversario cun acto conmemorativo que reuniu representantes institucionais, profesionais do centro sanitario e distintos axentes vinculados ao ámbito da saúde en Lugo.

A xornada incluíu intervencións de persoal do propio hospital, a presentación da estratexia “Somos HULA 2030”, que marca as principais liñas de desenvolvemento para os próximos anos, e un peche máis festivo coa actuación dun grupo de violinistas da escola Glissando xunto ao coro do propio complexo hospitalario.

No plano institucional participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, entre outros asistentes.

Tras este programa de actos, o conselleiro de Sanidade puxo o foco na evolución do hospital ao longo destes 15 anos, ao que definiu como un centro transformador e de vangarda dentro do sistema sanitario galego. Gómez Caamaño destacou o investimento acumulado de 300 millóns de euros que, segundo subliñou, permitiu consolidar o HULA como unha auténtica “cidade da saúde”, pola que transitan a diario preto de 5.000 persoas. Tamén repasou algúns dos principais indicadores desde a súa posta en marcha en 2010, con arredor de 20.000 nacementos, máis de 6 millóns de consultas, 357.000 ingresos e 257.000 intervencións cirúrxicas.

O responsable autonómico puxo ademais en valor a incorporación progresiva de servizos e tecnoloxía avanzada, como a radioterapia, a medicina nuclear ou a cirurxía robótica incorporada en 2021, así como a existencia de iniciativas pioneiras como a primeira Neuroescola de Galicia ou o programa de oncoloxía domiciliaria. Na súa intervención, insistiu en que o hospital avanza con ambición nos ámbitos asistencial, docente e investigador, e agradeceu o traballo dos preto de 3.700 profesionais que sosteñen a actividade do centro, ao que definiu como un motivo de orgullo para Lugo e para toda Galicia.

Pola súa banda, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, centrou a súa intervención no papel do capital humano do hospital, ao que atribuíu o principal valor do complexo sanitario. Subliñou o traballo dos profesionais como elemento clave para situar o HULA á vangarda da sanidade pública, destacando o seu compromiso, talento e vocación de servizo. Nesta liña, defendeu que o verdadeiro patrimonio do centro non reside nas súas instalacións nin na súa tecnoloxía, senón nas persoas que o fan funcionar cada día, permitindo que miles de pacientes atopen atención, coidados e confianza.

Rivera Capón tamén puxo en valor a presentación da estratexia “Somos HULA 2030” como folla de ruta para o futuro do hospital e destacou o carácter participativo do acto, que contou con intervencións de profesionais do centro e cun peche musical que reforzou o ambiente conmemorativo desta celebración do quince aniversario.

0.13497114181519