Lugo celebra o Día da Lingua Nai con poesía, música e cultura

LugoXa
A noite pecharase cun gran evento, o Festival As Literatas para Rosalía de Castro cun espectáculo musical da man das artistas Laura Lamontagne e Nebra
Día-da-Lingua-Nai-Lugo-2025
21 Feb 2025

Lugo súmase á celebración do Día Internacional da Lingua Nai cunha serie de actividades culturais e festivas para conmemorar a nosa lingua e as nosas tradicións. A xornada estará rechea de poesía, música e espectáculos pensados para todos os públicos.

O programa, que terá lugar en diversos puntos da cidade, comezou ás 11.30 horas no parque de Rosalía de Castro, cunha lectura de poemas organizada pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), na que se dará voz á literatura galega.

Maite Ferreiro afirmou que é preciso "visibilizar que a nosa lingua pode ser utilizada en calquera situación, facilitando a veciñanza se anime a falar en galego e colaborando desde o Concello de Lugo para reverter unha situación tan grave como a que vive neste momento a lingua galega".

Pola tarde, a festa continuará ás 17.30 horas no soto da Praza de Abastos, cun concerto para público familiar da coñecida banda Mamá Cabra, que traerá as súas cancións cheas de ritmo e maxia para os máis pequenos.

A noite pecharase cun gran evento, o Festival As Literatas para Rosalía de Castro, que se celebrará ás 20.00 horas na Capela de Santa María. Neste festival, as artistas Laura Lamontagne e Nebra ofrecerán un espectáculo de música e poesía que rendirá homenaxe á nosa escritora máis universal.

Esta celebración conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación e a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, e está pensada para que todos os lucenses e visitantes se sumen á festa das nosas palabras, facendo da xornada un auténtico encontro de cultura, identidade e amor pola lingua galega.

0.15196490287781