Lugo celebra o Día de Europa cunha xornada chea de actividades culturais, educativas e participativas

Lugo celebrou o Día de Europa cunha ampla programación de actividades culturais e participativas destinadas a poñer en valor os principios de cooperación, convivencia e unidade que representa o proxecto europeo. Os soportais da Casa do Concello e diferentes espazos do centro da cidade acolleron ao longo da tarde diversas iniciativas abertas á cidadanía.
Entre as propostas desenvolvidas destacaron os obradoiros infantís e as actividades participativas organizadas nos soportais da Casa do Concello, así como a actuación da Xove Orquestra de Lugo no Vello Cárcere. Ademais, durante a xornada realizouse a entrega de premios do concurso de carteis impulsado pola oficina de Europe Direct Lugo con motivo desta celebración. As gañadoras do certame foron Carmen Lagares Teijeiro, do colexio San José, e Laura González Blanco, do colexio Divino Maestro, aínda que os premios foron recollidos por dous compañeiros das alumnas.
O acto institucional contou tamén coa lectura do manifesto oficial e co izado da bandeira europea nos soportais da Casa do Concello. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou nesta celebración, na que estiveron presentes dous nenos vinculados á iniciativa “40 anos, 40 motivos”, promovida polos centros FEC San José e Divino Maestro como Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Durante o manifesto púxose o foco no significado especial desta edición do Día de Europa, ao coincidir cos 40 anos da entrada de España na Unión Europea, así como na importancia do papel das cidades para construír unha Europa máis próxima á cidadanía.
A rexedora destacou tamén a acción simbólica desenvolvida polo alumnado destes centros educativos, que encheu o centro urbano de números “40” colocados en escaparates, comercios e distintos espazos públicos co obxectivo de espertar a curiosidade da veciñanza arredor desta efeméride europea.