Lugo celebra o Día de Rosalía co 189 aniversario do nacemento da poeta

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, xunto coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza para o luns 23 de febreiro un acto con motivo do Día de Rosalía, que conmemora o 189 aniversario do nacemento da poeta. A celebración inclúe a lectura pública de poemas de Rosalía de Castro e a lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, coa participación de estudantes de distintos centros de ensino da cidade.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, sinalando que isto converte á poeta “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”. Ferreiro lembrou que Rosalía foi pioneira na defensa da lingua galega, dos dereitos e dos dereitos das mulleres, polo que é necesario lembrar a “esa Rosalía feminista, inconformista e rebelde que rompeu moldes e que hoxe segue sendo un referente”.
O Día de Rosalía celébrase o 23 de febreiro desde que en 2023 a Fundación Rosalía de Castro propoñera modificar a data tras o descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que corrixiu a data de nacemento da poeta. Nos últimos anos, esta conmemoración converteuse nunha das citas máis destacadas do calendario cultural galego, estendéndose desde a reivindicación inicial da AELG ao ámbito escolar e, posteriormente, a diversos sectores da sociedade e á confirmación institucional.