Lugo celebra o Día de Rosalía cunha homenaxe á súa figura literaria e feminista

LugoXa
A programación inclúe lecturas públicas, concertos, murais e actividades nos museos provinciais polo 189 aniversario do seu nacemento
Día-de-Rosalía-2026-Lugo
23 Feb 2026

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega conmemoraron o Día de Rosalía cun acto institucional polo 189 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, puxo en valor a dimensión “moderna, poderosa e valente” da autora, subliñando que representa unha das figuras que mellor definen a identidade do pobo galego.

Durante a súa intervención, Ferreiro salientou o carácter pioneiro de Rosalía na defensa da lingua propia, dos dereitos sociais e, especialmente, dos dereitos das mulleres, reivindicando a súa faceta feminista, inconformista e rebelde, capaz de rachar cos moldes do seu tempo e de manterse como referente vixente na actualidade.

O acto contou cunha lectura pública de poemas da escritora e coa lectura do manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega con motivo desta data, nunha xornada na que tamén participaron estudantes de distintos centros educativos da cidade.

Nos últimos anos, o Día de Rosalía consolidouse como unha das citas centrais do calendario cultural galego. A celebración naceu como unha iniciativa impulsada pola AELG e foi gañando presenza no ámbito escolar ata expandirse ao conxunto da sociedade, acadando tamén respaldo institucional.

No marco da programación do Día de Rosalía 2026, a área de Cultura organiza por terceiro ano consecutivo a xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, que reunirá ao artista lugués Diego Flâneur e á banda Carabela arredor da poesía da autora. Diego Flâneur presentará “Nebra Pecha”, coincidindo co aniversario deste traballo discográfico, unha proposta marcada pola influencia de voces como Uxío Novoneyra ou Lois Pereiro. Pola súa banda, Carabela, considerada unha das revelacións da nova música galega, ofrecerá un directo no que cada composición se converte nun espazo propio, propoñendo unha experiencia íntima e sensorial.

A xornada incluirá tamén unha colaboración inédita entre ambos proxectos musicais, que interpretarán versos de Rosalía musicados para a ocasión. Os concertos serán gratuítos e con entrada libre ata completar a capacidade da Capela de Santa María, onde terán lugar o luns 23 a partir das 20.00 horas.

Durante esta xornada, os catro museos da Rede Museística Provincial —o Museo Provincial de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Fortaleza de San Paio de Narla— agasallarán ás persoas visitantes cun caravel e unha lámina conmemorativa do Día de Rosalía. A ilustración, creada pola deseñadora e ilustradora Rocío Fernández Paz, está inspirada no poema “Sin niño” da obra Follas Novas.

O muralismo terá tamén protagonismo nesta programación cultural. As artistas Carlota Salgado, Noelia Aragundi e Sandra Lodi realizarán oito intervencións artísticas en distintos espazos públicos, atendendo ás solicitudes de asociacións e centros escolares, co obxectivo de visibilizar e socializar a figura de Rosalía como referente cultural e feminista.

Ademais, a área de Cultura apoia a itinerancia pola provincia da exposición “Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe”, unha mostra con textos de Francisco Rodríguez e ilustracións de Pepe Carreiro que analiza o contexto histórico no que desenvolveu a súa obra Rosalía de Castro e a vixencia da súa produción literaria. A exposición pode visitarse no Auditorio Municipal de Vilalba ata o 27 de febreiro.

0.081203937530518