Lugo celebrou un animado concurso infantil de disfraces no sábado de Entroido

O sábado de Entroido converteu Lugo no escenario dunha cita destacada para os máis pequenos coa celebración do tradicional concurso infantil de disfraces promovido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello. A climatoloxía favorable contribuíu a que a tarde transcorrese nun ambiente festivo no que os participantes amosaron a súa imaxinación a través de elaboradas e chamativas creacións, nun desfile que congregou a un numeroso público de veciñas e veciños.
O percorrido estivo marcado pola música, o baile e as coreografías, que levaron ao escenario propostas tan variadas como guerreiras K-Pop, distintas representacións do mundo animal ou unha recreación da plantilla do Club Baloncesto Breogán.
Mentres o xurado deliberaba, o público puido gozar do espectáculo “Malabarabilidades”, ofrecido por Fran Boza, que mantivo a animación durante toda a espera. O tribunal estivo integrado por Teresa Varela Arrojo, artista multidisciplinar e profesional das artes plásticas; Paula Sánchez Novo, vinculada ás artes escénicas; e Raquel de Ana Rodríguez, docente da EASD Ramón Falcón.
O certame abriu coa categoría individual, na que participaron cinco nenos e nenas. Entregáronse tres galardóns: o primeiro premio, dotado con 100 euros, foi para Cobra carnavalera, de 13 anos; o segundo, con 80 euros, recaeu en Guerrera K Pop Reciclada, de 9 anos; e o terceiro, de 50 euros, foi para India Chapera, tamén de 13 anos.
Na modalidade por parellas concorreron dúas propostas. O primeiro premio, de 150 euros, correspondeu a Pekepunky, integrado por participantes de 5 e 1 anos; mentres que o segundo, de 120 euros, foi para A metamorfose, formada por unha nena de 4 anos e un bebé de 18 meses.
O desfile culminou co paso das comparsas, nas que se rexistraron 10 agrupacións e ducias de nenos e nenas, ofrecendo un espectáculo especialmente vistoso polos traballados traxes e as dinámicas coreografías. O primeiro premio nesta categoría, cun importe de 240 euros, foi para Somos de barrio, integrada por 8 participantes; o segundo, de 180 euros, recaeu en Barbies galegas, con 38 nenos e nenas; e o terceiro, de 140 euros, foi para Palomitas en familia, formada por 11 integrantes.
No apartado individual tamén participaron Dama de corazones, de 9 anos, e Conejo blanco de Alicia, de 7 anos. Na categoría de parellas completaron a listaxe A metamorfose e Pekepunky. En canto ás comparsas, desfilaron As nosas raíces, con 5 nenas de entre 7 e 10 anos; Pitufas, con 27 participantes; Barbies galegas, con 38; Lego Stars do Breogán, con 7; Palomitas en familia, con 11; Somos de barrio, con 8; Fichadas polo entroido, con 10; Selva tropical, con 25; Asociación de jubilados, con 20; O circo dos soños, con 15; e Policán, con 3 nenos e nenas.