Lugo conmemora o 94 aniversario da II República cun acto de homenaxe e compromiso democrático

O Concello de Lugo celebrou un acto institucional para conmemorar o 94 aniversario da proclamación da II República, nunha homenaxe aos valores de liberdade, xustiza social e cultura democrática que definiron aquel período histórico.
A portavoz do Goberno Local, Ana González Abelleira, presidiu o evento, que tivo lugar diante do monolito da Praza da Soidade, e ao que foron convidados todos os grupos políticos da Corporación municipal. Durante a súa intervención, González Abelleira deu lectura a un manifesto no que destacou a importancia de reivindicar o legado de "mulleres e homes que soñaron e traballaron por unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre".
A portavoz lembrou que o 14 de abril de 1931, as bandeiras republicanas comezaban a ondear en Lugo desde a sede do Partido Republicano na rúa do Bispo Aguirre, e que, máis tarde, se izaría oficialmente a tricolor na estación de Telégrafos. Ás nove da noite dese día, a nova corporación municipal proclamaba a República desde o Concello, cubrindo coa bandeira galega a coroa do escudo municipal. Nese acto, o doutor Rafael de Vega pronunciou un discurso que apelaba “á cordura, ao respecto e á convivencia”, lembrando que anos despois sería asasinado polos golpistas, converténdose nun símbolo do compromiso coa liberdade.
No seu discurso, González Abelleira alertou sobre a “preocupante polarización social” e os “ataques á convivencia democrática” que se viven na actualidade, subliñando a necesidade de reivindicar os principios republicanos que poñen ás persoas no centro das políticas públicas.
“Este día non é só un recordo, senón tamén un compromiso de futuro co ensino público, a igualdade de oportunidades, a sanidade universal, a laicidade das institucións e o fortalecemento dunha cidadanía crítica, activa e solidaria”, apuntou a voceira.
A homenaxe tamén quixo lembrar o papel das mulleres na II República: “foi o tempo das pioneiras, das mestras, das primeiras concelleiras, das loitadoras anónimas que abriron camiños. Esa herdanza é hoxe unha responsabilidade colectiva que debemos honrar con feitos, e non só con palabras”, concluíu.