Lugo conmemora o Día Mundial contra o Cancro de Mama
A Asociación Española contra o Cancro de Lugo conmemorou en Lugo o Día Mundial contra o Cancro de Mama
para sensibilizar sobre esta enfermidade. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na ofrenda floral que a AECC organizou na Mosqueira. “As institucións temos a obriga de apoiar iniciativas que garantan o acceso a tratamentos de calidade, a investigación e recursos para todas as persoas afectadas”, sinalou o mandatario provincial durante a súa intervención.
Xunto ao presidente, participaron neste acto a presidenta do colectivo lucense, María Luz Abella; a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; entre outras autoridades. “O cancro de mama é moito máis que unha enfermidade”, sinalou Tomé Roca. “É unha batalla cotiá que afecta non só a quen a padece, senón tamén ás súas familias, amigos e seres queridos. Desde aquí quero enviarlles unha mensaxe de apoio e solidariedade a todas as
persoas que están nesta loita. Vós sodes o verdadeiro exemplo de forza”, valorou. Destacou tamén a importancia da prevención e da detección precoz e apelou á unión como sociedade contra esta doenza.
Baixo o lema O rosa é só rosa. Pero contigo é apoio e investigación, a AECC Lugo instalou como en anos anteriores- nove puntos para repartir plantas a cambio dun donativo de catro euros por todo o centro histórico da cidade. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que a prevención e a detección precoz son dous dos piares da estratexia da Xunta contra o cancro, polo que animou á cidadanía a participar nos programas de cribado que ten en marcha a Consellería de Sanidade. Xa están consolidados os de mama, colon e cérvix; e estanse a facer experiencias piloto cos de pulmón e próstata.
En canto ao Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama, lembrou que funciona dende hai máis de 30 anos e foise adaptando ás novas necesidades que foron xurdindo, con novidades como a ampliación da súa cobertura ata os 74 anos de idade. A súa implantación conseguiu unha mellora significativa, amosando un impacto positivo sobre a supervivencia e a mortalidade asociadas ao cancro de mama. En canto aos datos do ano pasado referidos á provincia de Lugo, ao longo 2023 foron exploradas un total de 22.403 mulleres no marco destes cribados, o que significa que se conseguiu unha participación do 82,48%. A taxa global de detección de cancro de mama no conxunto da provincia foi de 4,37 casos por cada mil mulleres que fixeron a proba; é dicir, detectáronse 98 casos.