Lugo constitúe a primeira Mesa de Coordinación Policial para a protección das vítimas de violencia de xénero

O Concello de Lugo constituíu a primeira Mesa de Coordinación Policial prevista no protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para a protección das vítimas de violencia de xénero, no marco do sistema Viogén. A iniciativa busca mellorar a coordinación entre os distintos servizos implicados e favorecer unha atención adaptada ás necesidades de cada caso.
Na reunión participaron o equipo Viogén da Policía Local de Lugo, o xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial e o xefe da Unidade de Atención á Familia e Muller da Policía Nacional, así como a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno. Durante o encontro, celebrado esta mañá, acordouse convocar unha nova reunión a principios de 2027 e incorporar á mesa a Policía Autonómica e representantes do Centro de Información á Muller (CIM).
Ademais, propúxose crear mesas intersectoriais nas que participen os servizos sociais, co obxectivo de reforzar a colaboración entre os profesionais que interveñen na atención ás vítimas. A constitución deste órgano dá cumprimento ao apartado dedicado aos órganos de coordinación do protocolo promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio do Interior, asinado o 13 de marzo de 2006.
No caso de Lugo, a adhesión municipal a este protocolo formalizouse o 5 de maio de 2025. Coa posta en marcha da mesa, o Concello busca avanzar na coordinación policial e institucional para ofrecer unha protección máis eficaz ás vítimas de violencia de xénero.