Lugo contará cun xulgado específico de violencia de xénero

GaliciaXa | LugoXa
O Goberno do Estado inclúe a praza na oferta de máis de 500 novas prazas xudiciais, froito do traballo do BNG no Congreso
BNG-lugo-declaracións-Néstor-Rego
27 Jan 2026

Maite Ferreiro, concelleira do BNG en Lugo, valorou como "boa nova" o anuncio do Goberno do Estado de crear un xulgado específico de violencia de xénero na cidade, “despois de moitos anos de mobilización nas rúas e reclamacións nas institucións”. Ferreiro subliñou que “grazas ao traballo do BNG no Congreso, da man do deputado Néstor Rego, por fin conseguimos que as necesidades de Lugo fosen tidas en conta”.

A praza de Lugo formará parte da vindeira oferta de máis de 500 prazas xudiciais en todo o Estado, das cales 19 se adican aos xulgados de Galicia. A creación deste novo órgano xudicial estaba recollida como compromiso no Acordo de Investidura do BNG e, segundo a concelleira, é “fundamental para loitar contra a violencia machista”. Ferreiro lembrou que se trata dunha petición histórica do movemento feminista da cidade e que mesmo fora recomendada polo Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero.

O BNG propón un sistema comarcalizado para o xulgado, que centralice todos os casos de Lugo, permitindo unha atención próxima ás vítimas e reducindo o impacto que o proceso xudicial supón. Ademais, os casos serán atendidos por profesionais cualificados na materia.

Ferreiro destacou que o BNG seguirá traballando para que esta nova praza conte con “máis recursos materiais e humanos para garantir a boa calidade do servizo”, e resaltou que este xulgado é máis necesario que nunca para combater a violencia machista.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou que a creación desta praza é froito do traballo da organización nacionalista, recollendo no Acordo de Investidura a necesidade dun xulgado específico en Lugo. Para Rego, “é o exemplo claro de para que serve un BNG forte nas Cortes do Estado: para defender os intereses dos galegos e galegas e conseguir aquelas demandas que a cidadanía reclama”. “Co BNG, Galicia gaña e Lugo pasará a ter un xulgado de xénero”, concluiu.

⚙ Configurar cookies
0.080926179885864