Lugo continuará na presidencia do movemento veciñal de Galicia

LugoXa
A Federación veciñal Lucus Augusti continuará sendo a xestora da Confederación galega de asociacións veciñais Rosalia de Castro
Lugo cogave presidencia
Lugo cogave presidencia
29 mar 2023

A Federación veciñal Lucus Augusti continuará sendo durante dous anos máis a xestora da Confederación galega de asociacións veciñais Rosalia de Castro que aglutina o movemento veciñal de Galicia tras a asamblea xeral celebrada na cidade Lugo.

A Xunta Directiva encabezada por Fernando Rois, actual presidente, fixo balance da xestión e da traxectoria levadas a cabo durante estes dous últimos anos de xestión e tras a aprobación por unanimidade de todas as federacións membros de CoGaVe dos correspondentes informes económico e de actividades solicitaron a súa continuidade na xestión da entidade por outros 2 anos.

Neste sentido, a Federación Lucus Augusti renovou a súa confianza na persoa de Fernando Rois Rois, o seu vicepresidente primeiro e portavoz, á vez que ata o de agora, tamén Presidente da CoGaVe, que seguirá séndoo por un novo período de 2 anos máis.

A CoGaVe seguirá enfocada nos grandes temas que importan á sociedade galega: a ocupación ilegal de inmobles, a participación cidadá, a loita contra os abusos das entidades bancarias á cidadanía, a subida de prezos, as tarifas eléctricas ou a prevención da Violencia de Xénero, co programa Xuntos contra a Violencia de Xénero dirixido por María José Villamarín Santomé.

Con esta revalidación da presidencia de CoGaVe, Lugo seguirá sendo a capital do movemento veciñal de Galicia durante os próximos 2 anos. Cabe lembrar, tamén, que Lugo e Galicia están presentes de forma directa na nova Xunta Executiva da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais, o movemento veciñal de España, desde a súa Asemblea Xeral, celebrada o pasado 12 de marzo en Badalona, e na que María José Villamarín Santomé asumiu a Vicesecretaría.