Lugo converterase nun gran estudo artístico co XXVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre

LugoXa
O concurso celebrarase o 12 de xullo, repartirá 5.100 euros en premios e contará cunha exposición no MIHL con obras premiadas en edicións anteriores
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
7 Jul 2026

O Concello de Lugo celebrará o vindeiro domingo, 12 de xullo, unha nova edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre "Cidade de Lugo", unha cita consolidada na programación cultural municipal que volverá encher de artistas as rúas, prazas e espazos máis representativos da cidade.

Ao longo da xornada, pintores e pintoras chegados de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas plasmarán nas súas obras a súa visión persoal de Lugo, traballando directamente diante do escenario escollido. O público poderá seguir en directo o proceso creativo, convertendo a cidade nun amplo espazo expositivo ao aire libre.

A inscrición será gratuíta e poderá formalizarse o propio domingo entre as 9.00 e as 11.00 horas no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, situado na Praza Maior número 1. Nese mesmo horario realizarase tamén o selado dos soportes que empregarán os participantes.

As creacións deberán estar inspiradas na cidade de Lugo e poderán ofrecer diferentes perspectivas e interpretacións do seu patrimonio, paisaxe urbana e contorna, sempre executadas ao aire libre e diante do motivo elixido.

O certame contará cunha dotación económica de 5.100 euros en premios, cos que o Concello pretende recoñecer a calidade das obras presentadas e continuar impulsando a creación artística e a participación nun concurso que se consolidou como unha das citas culturais máis destacadas do verán.

Como complemento á celebración do certame, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá unha exposición con obras premiadas en edicións anteriores, unha mostra que permitirá facer un percorrido pola evolución do concurso ao longo dos seus vinte e seis anos de traxectoria e destacar o talento das persoas participantes.

Desde o Concello animan á cidadanía e ás persoas visitantes a percorrer as rúas da cidade durante a celebración do certame para contemplar o traballo dos artistas e gozar dunha iniciativa que une patrimonio, arte e participación cidadá.

0.14346814155579