Lugo convértese en referente internacional do xadrez coa celebración do I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos

Lugo converterase esta semana nun referente internacional do xadrez coa celebración do I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, que terá lugar entre o 13 e o 19 de xullo no Salón Regio do Círculo das Artes. O torneo, organizado pola Escola Luguesa de Xadrez coincidindo co seu 30º aniversario, conta co financiamento da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, dentro do proxecto Xadrez no Camiño, ademais da colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e o Círculo das Artes.
A organización prevé superar os 100 participantes nesta primeira edición, que nace coa intención de consolidarse como unha cita de referencia no calendario nacional e internacional. O torneo permitirá, ademais, que os xogadores lucenses e galegos poidan competir nun evento de nove roldas de máximo nivel sen necesidade de desprazarse fóra da comunidade.
Entre os inscritos figuran 15 xogadores titulados pola Federación Internacional de Xadrez (FIDE), entre eles tres Grandes Mestres, tres Mestres Internacionais e a Gran Mestra Feminina (WGM) Yao Lan, unha das participantes máis destacadas desta edición.
A competición disputarase no Salón Regio do Círculo das Artes, un dos espazos máis emblemáticos da cidade, que servirá de escenario para todas as partidas do torneo.
O Open Fuxan os Ventos será válido para a clasificación internacional e para a obtención de normas, e repartirá un total de 6.750 euros en premios, incluíndo categorías específicas segundo os diferentes tramos de Elo.
O programa comezará o luns 13 de xullo ás 16:45 horas co acto oficial de presentación, ao que asistirán representantes institucionais. Ás 17:00 horas disputarase a primeira rolda. A competición continuará ao longo de toda a semana con partidas en sesións de mañá e tarde e rematará o domingo 19 de xullo coa última rolda e a entrega de premios, prevista para as 14:00 horas.
Ademais da competición deportiva, o torneo contará cunha programación paralela destinada a participantes e afeccionados. O Círculo das Artes acollerá unha Fan Zone na que será posible seguir as análises das partidas en directo e disputar encontros rápidos cos xogadores participantes.
A organización tamén preparou un programa de actividades que inclúe unha ruta cultural e gastronómica polo centro histórico de Lugo, con visitas ao Museo Provincial, ao Centro de Interpretación da Muralla e á Catedral. A programación completarase cun torneo de fútbol sala e cun torneo nocturno de xadrez rápido que se celebrará o venres no bar Bora Bora.
As oito primeiras partidas de cada rolda retransmitiranse en directo a través de internet, permitindo seguir o desenvolvemento do torneo en tempo real. A organización informa de que toda a información sobre a competición, incluídos os emparellamentos e as inscricións, está dispoñible na súa páxina web oficial.