Lugo dá a benvida ao Entroido cun pregón de José Blázquez marcado pola lembranza de Paula Alvarellos

LugoXa
A programación impulsada pola Tenencia de Alcaldía enche a praza Maior e o casco histórico de espectáculos, desfiles e música ata o 18 de febreiro
Concello-de-Lugo-Pregón-Entroido-2026
14 Feb 2026

O artista lucense José Blázquez foi o encargado de inaugurar oficialmente o Entroido coa lectura do pregón nun acto que regresou á praza Maior, recuperando así o formato aberto impulsado pola concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, para facilitar que a veciñanza puidese participar no arranque das celebracións.

Durante a súa intervención, a edil subliñou a relevancia de xerar un ambiente festivo e distendido que favoreza a unión entre as lucenses e os lucenses a través do humor, ao tempo que se promove a pluralidade de manifestacións culturais propias destas datas. Ferreiro tamén destacou o vestiario escollido polos membros da Tenencia de Alcaldía, un aceno ao eclipse solar que poderá observarse desde Lugo o vindeiro 12 de agosto, situando a cidade como un dos puntos privilexiados para contemplar este fenómeno.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, aproveitou o acto para lembrar a figura de Paula Alvarellos. O rexedor evocou o momento vivido na mesma celebración hai un ano, cando a daquela alcaldesa sufriu un desmaio cun tráxico desenlace que marcou fondamente á cidade. Recoñeceu que, malia o carácter alegre do Entroido, resultáballe imposible non sentirse profundamente afectado pola lembranza. Con todo, apelou ao desexo que, segundo indicou, tería Alvarellos de que a cidade seguise adiante, animando á cidadanía a celebrar, a compartir e a empregar o humor como ferramenta para afastar a tristeza. “A esperanza é a mellor forma de percorrer este camiño que é a vida. Feliz Entroido. Lembrarémoste sempre, Paula”, concluíu.

A programación continuará o sábado 14 coa representación de “AUCHH!” de Abraham Arzate ás 12:30 na praza Maior. Xa pola tarde, ás 17:00, celebrarase o desfile infantil acompañado pola animación de Tambukda e o espectáculo “Malabarabilidades”, de Fran Boza. A partir das 20:30, Tambukda percorrerá as rúas do casco histórico.

O domingo 15, a praza Maior acollerá ás 12:30 o espectáculo “Frikis”, de Mundo Costrini. Pola tarde, desde as 18:00, terá lugar a Gala de circo Introitus, coa participación de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.

O luns 16 arrancará ás 12:30 co espectáculo “Máximo Óptimo”, de Máximo, tamén na praza Maior. Ás 18:00, o Dúo Laos presentará “Otros Aires” no mesmo espazo, e ás 21:30 o Bloco Meigallo levará a animación musical polas rúas do centro histórico.

O martes de Entroido contará pola mañá, ás 12:30, con Brais das Hortas e o seu espectáculo “Consertasso na horta” na praza Maior. Xa pola tarde, ás 17:00, desenvolverase o desfile de disfraces para persoas adultas, acompañado polas actuacións de Tambukda e Carta de Axuste.

A xornada de clausura, o mércores 18 de febreiro, comezará con “O mundo de Nono”, de Arturo Cobas. Pola tarde, ás 17:30, celebrarase un concerto da Banda e do Coro infantil da Banda Filharmónica de Lugo. O peche definitivo chegará ás 20:00 co tradicional Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes, nun acto que partirá do Círculo das Artes e que contará coa colaboración de Estoupacaldeiros e as actuacións da Orquesta Terra Nova e do Orfeón Xoán Montes.

⚙ Configurar cookies
0.05786395072937