Lugo dá luz verde á ordenanza da zona de baixas emisións, que limita o acceso ao casco histórico

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo deu luz verde á nova ordenanza que regula a zona de baixas emisións na cidade, un texto que contempla un período de adaptación de seis meses desde a súa entrada en vigor. Durante ese prazo, o Concello porá en marcha unha fase informativa dirixida aos condutores para explicar os límites de acceso, os usos permitidos e as restricións vixentes, ao tempo que comezará a aplicarse o control de entradas, aínda que sen impor sancións económicas.
A normativa divide o ámbito afectado en seis áreas diferenciadas, cada unha con accesos e saídas concretas. A primeira comprende o entorno de Campo Castelo, a Praza Maior e a Catedral, con entradas polas portas de Santiago e Bispo Aguirre e saídas por Bispo Aguirre e Bispo Izquierdo. A segunda engloba A Tinería, a Rúa Miño e Porta Miñá, con acceso e saída por esta última. A terceira abarca Santo Domingo, Armanyá, Soidade, Praza, Progreso e San Pedro, con entrada e saída pola porta de A Estación, na Rúa Teatro. A cuarta corresponde á zona do IES Xoán Montes e Ollos Grandes, con acceso por Bispo Odoario. A quinta afecta a Montevideo, con entrada por Bispo Odoario e saída por San Fernando, mentres que a sexta inclúe San Marcos, Praza de Ferrol, Bolaño Rivadeneira e Rúa Nova, con acceso único por San Fernando.
O texto establece que vehículos poderán circular polo recinto histórico. Os residentes deberán ter o seu coche dado de alta, cun máximo de dous por vivenda, e só poderán deterse fronte ao seu portal durante un máximo de 30 minutos. Tamén se autoriza o acceso a quen se dirixa a aparcadoiros públicos ou dispoña de praza de garaxe, xa sexa en propiedade ou en réxime de aluguer, dentro do casco histórico.
Así mesmo, poderán entrar os vehículos que trasladen persoas aloxadas en hoteis, cunha parada limitada a media hora e sempre que se comunique previamente ao Concello a matrícula, o día, a hora e o destino. Os taxis e os servizos de reparto a domicilio terán igualmente un tempo máximo de detención de 30 minutos, mentres que os servizos funerarios non estarán suxeitos a límite temporal. As persoas con mobilidade reducida ou que requiran acompañamento, debidamente acreditado, poderán acceder e estacionar durante 30 minutos en zonas de carga e descarga e ata dúas horas en prazas reservadas.
A ordenanza permite tamén a circulación de vehículos municipais, servizos de emerxencia, ambulancias ou Correos, así como dos servizos de obras e mantemento, que deberán informar con antelación do día, a matrícula e o destino. Os comerciantes poderán acceder en calquera momento, aínda que só poderán deterse fronte ao seu negocio durante un máximo de media hora. As bicicletas e os patinetes eléctricos quedarán excluídos de calquera restrición.
Deberán inscribirse no rexistro os residentes, os titulares de comercios situados nestas áreas, os propietarios ou arrendatarios de prazas de garaxe e as persoas con autorizacións específicas, como as vinculadas a centros de saúde. Non estarán obrigados a realizar este trámite quen acceda a aparcadoiros públicos, as persoas con mobilidade reducida acreditada, quen entren de forma puntual para prestar un servizo profesional ou os vehículos asociados a establecementos hoteleiros, entre outros supostos.
En canto aos vehículos de gran tamaño, a normativa fixa como regra xeral un límite de 5.500 quilos de peso, aínda que se prevén excepcións para o transporte de equipamento hospitalario, o subministro de combustible, as obras e materiais de construción, o montaxe de eventos promovidos ou apoiados polo Concello ou o traslado de cargas indivisibles.
A ordenanza recolle tamén o réxime sancionador. Unha vez finalizado o período de moratoria, os condutores que accedan, circulen, se deteran ou estacionen na zona de baixas emisións sen autorización ou superando os tempos permitidos enfrontaranse a sancións de 200 euros.