Lugo demanda a conexión do Parque Industrial das Gándaras coa A6

LugoXa
A alcaldesa de Lugo supervisou esta mañá xunto a Alfonso Rueda o avance da urbanización da III fase do Parque Industrial das Gándaras
Imaxe da vista III Fase do Polígono das Gándaras II
Imaxe da vista III Fase do Polígono das Gándaras II
12 dic 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta mañá, xunto ao presidente galego, Alfonso Rueda, o avance que segue a urbanización da III fase do Parque Industrial das Gándaras.

A rexedora lucense, dando traslado tamén á demanda das asociacións empresarias dos Polígonos, entende que a Xunta de Galicia debe executar con apremio o procedemento para executar o enlace de conexión entre o Parque das Gándaras e a Autovía A6.

“Falamos dunha infraestrutura que é clave para a competitividade do municipio e que, de forma reiterada, lle vimos reclamando á Xunta mesmo a través da Mesa pola Diversificación Industrial que o ano pasado puxo en marcha o Concello e na que conflúen os diferentes axentes sociais da cidade, cun consenso unánime ao respecto da importancia que tería esta dotación”, afirmou Lara Méndez.

“Non podemos esquecer que nos atopamos nun momento transcendental para a recuperación económica dos territorios, no que factores como garantir a conectividade viaria resultan fundamentais para posibilitar a implantación e a consolidación empresarial e, polo tanto, o noso crecemento. E eu, como alcaldesa, non quero que Lugo perda este tipo de oportunidades, especialmente cando dende a Administración local estamos a impulsar a captación de investimentos a través da Estratexia Lugo Transforma, para que novos negocios e compañías se asenten na capital e poidan crear emprego estable e de calidade para os nosos veciños e veciñas”, engadiu a rexedora.

Pola súa banda o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a aposta da Xunta para promover solo empresarial, xa que considerou que favorece a creación de tecido industria en Galicia “para seguir producindo actividade económica e seguir producindo riqueza”. “Non é algo que se fai en toda as comunidades e aquí imos seguir facéndoo con máis intensidade”, avanzou en referencia á que o Goberno galego destinará no 2023 a esta fin 34 millóns de euros.

Durante a súa visita ás obras de urbanización da terceira fase do parque empresarial das Gándaras en Lugo, Rueda resaltou o éxito da aposta autonómica por esta nova área de asentamento empresarial na contorna da capital luguesa que xa ten adxudicado a totalidade do solo das fases xa rematadas -a primeira e a segunda- e reservada parte da fase 3, en construción, supoñendo un total de 140 parcelas asignadas ou reservadas.

O Goberno galego leva investidos ou ten en execución 53 millóns de euros na posta en marcha deste polígono que segundo precisou o presidente da Xunta “ao seu remate, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados” e preto de 270 parcelas. Na terceira fase, que está previsto rematar no vindeiro mes de abril, o investimento superará os 3,1 millóns de euros.

O titular do Executivo autonómico salientou o feito de que desde Goberno galego xa se está a traballar na redacción das vindeiras fases para dar continuidade a un polígono referente na provincia de Lugo e que acolle empresas de sectores punteiros en toda Galicia dun amplo abano que vai dende a automoción e a maquinaria agrícola á fabricación de mobles ou mesmo á produción de café. De feito, Rueda adiantou que ao longo do 2023 está previsto licitar as fases 4, 5 e 7-A para dispoñer de preto de 220.000 metros cadrados máis co obxectivo de favorecer o asentamento empresarial na bisbarra.