Lugo desbloquea a apertura do aparcadoiro da Avenida Breogán tras meses de deficiencias técnicas

LugoXa
O Goberno autonómico executou as actuacións técnicas e ambientais esixidas polo Concello para garantir a seguridade e o correcto funcionamento da infraestrutura
Avenida-Breogán-Lugo-alcalde
8 Jan 2026

O Concello de Lugo procederá á recepción do aparcadoiro da Avenida de Breogán logo de que a Xunta de Galicia realizase as intervencións técnicas e ambientais reclamadas polos servizos municipais para asegurar a súa posta en funcionamento en condicións axeitadas. A infraestrutura, considerada clave para mellorar a mobilidade na contorna, permanecía paralizada desde hai meses ao non cumprir cos requisitos mínimos necesarios para a súa apertura ao público.

As melloras executadas chegaron despois de reiterados requirimentos por parte do Concello e de informes técnicos que advertían de deficiencias relevantes, especialmente relacionadas coa rede de drenaxe, o estado do colector e a situación das zonas verdes. Estas carencias impedían garantir tanto a seguridade da instalación como o seu correcto comportamento ambiental.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que o Concello actuou “con rigor e responsabilidade en todo momento” e defendeu que non se podía recepcionar unha obra que presentaba problemas evidentes. Segundo explicou, os informes técnicos municipais demostraron que o aparcadoiro non se atopaba en condicións adecuadas, e advertiu de que, de non manter unha posición firme, Lugo tería asumido unha infraestrutura con deficiencias estruturais e ambientais alleas á responsabilidade municipal. O rexedor subliñou que a prioridade foi sempre protexer o interese da veciñanza e garantir uns estándares mínimos de calidade.

Entre as actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico figura a limpeza integral do colector DN800, novas operacións de mantemento e unha segunda inspección mediante videocámara, para a que foi necesario obturar e desviar temporalmente o fluxo do colector, co fin de comprobar o correcto estado da condución. Así mesmo, executáronse traballos de mellora nas zonas verdes, que incluíron desbroces e segas, achega e perfilado de terra vexetal, sementa das áreas sen céspede, abonado e a plantación de novas especies arbóreas e arbustivas, como cinco abedules, un freixo e dezaoito azaleas. Estas intervencións completáronse con limpezas adicionais e diversos axustes realizados durante os meses de outubro e novembro.

Miguel Fernández insistiu en que a única esixencia do Concello foi que a obra se entregase correctamente rematada. Aínda que lamentou o atraso na apertura por falta de control inicial, celebrou que, tras as melloras realizadas, o aparcadoiro poida finalmente poñerse ao servizo da cidadanía. Segundo sinalou, Lugo gaña así un novo espazo de estacionamento nunha zona especialmente necesitada, cunha infraestrutura preparada para responder a esa demanda.

O Goberno local avanzou que, unha vez completados os últimos trámites administrativos, o aparcadoiro será integrado na rede municipal de estacionamento disuasorio, contribuíndo a mellorar a mobilidade e a ofrecer novas alternativas tanto á veciñanza como ás persoas usuarias dos equipamentos da contorna.

REACCIÓN DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, manifestou a súa satisfacción porque o Concello de Lugo “decida finalmente entrar en razón” e acepte facerse cargo da titularidade do aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, logo de “máis dun ano de demora para poder abrilo ao uso da veciñanza”.

Arias lembra que o Executivo autonómico deu por finalizadas as obras do estacionamento en outubro do ano 2024 e que, desde entón, “o Concello limitouse a poñer obstáculos á súa recepción, impedindo que a cidadanía puidese facer uso destas instalacións”. Engade que, durante este período de máis dun ano no que o goberno municipal foi modificando a súa postura, “o único que variou foron pequenas melloras nas zonas verdes, como o corte do céspede ou a plantación de árbores, sen que fose necesario en ningún momento acometer modificacións estruturais na infraestrutura”.

Na súa opinión, o Concello “dedicouse unicamente a procurar pretextos” e, nesa liña, puntualiza que se comprobou mediante unha inspección con videocámara o bo estado dos colectores executados e que tamén quedou acreditado que non era precisa ningunha suposta autorización de vertido por parte do Organismo de Conca, argumentos aos que se agarraba o goberno local.

O delegado territorial lembra igualmente que, co obxectivo de evitar dificultades na recepción do aparcadoiro, a Xunta decidiu mesmo asumir no pasado mes de abril unhas obras para instalar un sistema de drenaxe de augas pluviais que permitise corrixir as escorrentías na rúa Monte Pena Rubia, a pesar de tratarse dunha competencia municipal. Ademais, atendendo a peticións do Concello, retiráronse algunhas pedras das zonas verdes, reforzouse a hidrosementeira e colocáronse topes nas prazas de estacionamento para evitar que as rodas dos vehículos invadisen as medianas axardinadas.

Esta intervención concluíu no mes de xuño, “cando volvemos solicitar ao Concello que recepcionase o aparcadoiro, pero non obtivemos resposta ata setembro, momento no que continuaron a aparecer novas escusas, desta volta relacionadas cun suposto deterioro das zonas verdes nalgúns puntos polos efectos normais do paso do tempo nun espazo que, ademais, permanecía sen uso”. Entre os meses de outubro e novembro realizáronse tarefas de desbroce, reforzouse a plantación de céspede nalgunhas áreas e incorporáronse novos exemplares de azaleas, freixos e bidueiros.

Unha vez completadas estas actuacións de carácter menor, o delegado territorial celebra que o Concello acceda “por fin a asumir a titularidade dun aparcadoiro no que a Xunta investiu preto de 1,2 millóns de euros, co obxectivo de poñelo ao servizo dos veciños e veciñas de Lugo”.

Esta infraestrutura permitirá sumar 148 novas prazas de estacionamento á cidade, das cales 14 estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida, co propósito de impulsar o uso compartido do vehículo e contribuír á redución das emisións contaminantes na capital. Arias subliña tamén a súa localización, “nun barrio como o da Residencia, ao que o Goberno autonómico lle deu un xiro integral e un forte impulso nos últimos anos, coa posta en marcha de novos servizos como o Centro Integral de Saúde, a residencia de maiores ou a Oficina de Emprego central de todo o municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.0761559009552