Lugo di non á planta de biometano de Coeses: "É un atentado ecolóxico"
Centos de persoas manifestáronse no centro de Lugo para amosar a súa oposición á planta de biometano proxectada en Coeses. A protesta partiu da Horta do Seminario e concluíu diante do edificio da Xunta e estivo organizada pola plataforma Lugo non quere cheiros da que forman parte veciños de distintas parroquias afectadas. Ademais da veciñanza, na mobilización tamén se deron cita representantes dos distintos grupos políticos.
Portando a pancarta encontrábase a alcaldesa, Paula Alvarellos, o secretario xeral do PsdG, José Ramón Besteiro e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo. Ademais dos grupos socialistas e nacionalistas, déronse cita membros do PP, entre eles, o concelleiro Ramón Cabarcos e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Tras a marcha leron o manifesto, ao que deu paso o presidente da federación veciñal, Jesús Vázquez, Manuel Abuín e Francisco Javier Otero.
Denunciaron o obxectivo dunha empresa de instalar unha fábrica que "encherá de cheiros o noso paraíso natural" sendo un "atentado ecolóxico" e que conta "coa complicidade da Xunta". "Polas entradas da cidade pretenden facer chegar máis de 100 camións ao día. As descargas encherán de cheiros a cidade de Lugo e Lugo non quere cheiros". Indicaron tamén que non se opoñen ao progreso pero si ás industrias que vaian en contra da contorna sostendo que existen outros moitos lugares onde podería instalarse. "Sobran sitios da provincia onde a casa máis próxima se atopa a 10 ou a 15 quilómetros dunha posible localización".
Durante o acto, lembraron as miles de alegacións que recolleron contra o proxecto e insistiron nos meses que leva a veciñanza opoñéndose a unha planta que tería consecuencias para parroquias como Cuíña, Soñar, Piúgos ou Santa Cristinta e uns afectos negativos en xeral para todos os lucenses e tamén para o Miño. "Dende hai meses todos vimos dedicando parte do noso tempo a combater este atentado ecolóxico, un atentado promovido por unha empresa que só pretende especular e obter beneficios a conta da nosa saúde, do noso medio de vida e non o imos consentir". Acabaron por asegurar que sairán á rúa "ás veces que faga falta" e que loitarán ata o final.