Lugo é o único ente municipal presente no proxecto de reconstrución de Ucraína

LugoXa
Está presente na conferencia de alto nivel europeo, que estes días reúne en Lituania a máis de 120 representantes internacionais.
foro internacional rescate ucraina
29 Nov 2023

Está presente na conferencia de alto nivel europeo, que estes días reúne en Lituania a máis de 120 representantes internacionais.

A Comisión Europa convidou á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a explicar o modelo de cidade sostible que está a impulsar no foro internacional Green Recovery Conference que se celebra estes días en Vilna (Lituania) co obxectivo de ir preparando unha reconstrución verde e ecolóxica de Ucraína, unha vez finalizada a guerra neste país.

O Concello de Lugo foi o único municipio español elixido para acudir a esta conferencia de alto nivel, que reúne a máis de 120 participantes, a metade de Ucraína (ministros, alcaldes de cidades, empresas, ONG e investigadores) e a outra metade da UE.

A través deste foro, se busca proxectar a cooperación futura e responder ás necesidades de Ucraína coa achegas das experiencias inclusivas e sostibles que se están a desenvolver actualmente, temas que se abordarán durante as conferencias con participantes da parte política e da sociedade civil, na que se inclúe Lugo e na que se debaterán os retos xerais e as principais medidas políticas de apoio á reconstrución. Tamén se desenvolverán conferencias empresariais para presentar solucións específicas e aplicables, debater sobre os obstáculos sistémicos á despregadura dunha economía máis circular e ecolóxica e pór en contacto a empresas da UE e Ucraína.

Na conferencia ‘Construíndo para o futuro das cidades’, na que interveu Lugo, abordáronse as solucións técnicas para unha reconstrución sustentable de edificios e distritos en Ucraína, cunha exhibición dos mellores exemplos e solucións de proxectos financiados pola UE. O seu público obxectivo foron arquitectos, contratistas, empresarios de quen se espera que participen efectivamente no proceso de reconstrución.

A rexedora, que participou hoxe por videoconferencia, agradeceu o convite a colaborar neste proceso de recuperación, “no que desde Europa nos implicaremos ao máximo“, e mandou unha mensaxe de esperanza e solidariedade ás e aos representantes ucraínos, cun especial desexo de que “axiña se poña fin a este conflito bélico que tanta dor e tantas vítimas inocentes está a causar”. Sostivo que “espero que os traballos e a experiencia da nosa cidade sirvan para asentar as bases e afrontar os retos que Ucraína ten por diante cando poida, por fin, iniciar un futuro en paz”. Méndez estivo acompañada pola xefa de servizo de Arquitectura, Susana Penedo.

Na conferencia tivo especial relevancia a estratexia LIFE Lugo+Biodinámico, coa que Lugo deseña as cidades sostibles do futuro e aplica solucións máis verdes nas zonas xa edificadas, e na que o edificio Impulso Verde adquiriu un papel destacado pola súa construción 100% en madeira e, polo tanto, polo seu aproveitamento de recursos naturais locais, así como pola súa gran importancia medioambiental na captación de CO2 da atmosfera e a súa eficiencia enerxética. Este tema resultou de moito interese xa que o conflito bélico en Ucraína provocou xa danos por valor de 1.400 millóns de euros no sector forestal.

Así mesmo, se puxo en valor a creación do bosque urbano nas Gándaras e o coidado da biodiversidade, ademais do Catálogo GUD de Solucións Sostibles que Lugo está xa a aplicar na transformación da cidade.

Na conferencia de Lugo tamén participan representantes do Concello de Róterdam, da Axencia Flamenca de Enerxía e Clima e da Universidade de Camerino (Italia), entre outros.

Lembrar que o actual mecanismo da UE para Ucraína inclúe a proposta de apoio de 50.000 millóns de euros para o período 2024-2027 e un plan para a reconstrución co obxectivo de garantir que se teña en conta a sustentabilidade ambiental en futuros investimentos.

0.16025614738464