Lugo e Pontevedra iniciarán o Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria de Galicia antes do verán

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe “o primeiro Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria” que permitirá “realizar operacións sinxelas nos centros de saúde antes deste verán”. O obxectivo é “evitar desprazamentos e hospitalizacións aos pacientes” e que poidan solucionar o problema sen acudir ao hospital non seu servizo de atención primaria con plenas garantías.
Este Plan vai dirixido a “cirurxías de curta duración e que precisan anestesia local” coma furúnculos, verrugas, quistes epidérmicos ou feridas abertas sen complicación.
Deste xeito, tal e como indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o Goberno galego demostra, unha vez máis, “a súa aposta por poñer á atención primaria como eixe vertebrador da asistencia sanitaria” e “reforzar a súa capacidade resolutiva”.
O Plan –“que busca normalizar e homoxeneizar estas prácticas nas sete áreas sanitarias”- recolle un investimento de 1.715.200 euros para a adquisición do material necesario para as cirurxías e para a formación dos profesionais de medicina e enfermería de atención primaria.
En concreto, este ano licitarase a compra de 300 lámpadas rodantes de luz fría por 1.050.000 euros. E está previsto adquirir 60 máis ata finalizar o plan, en 2029. O gasto neste equipamento chegará aos 1.260.000 euros.
O orzamento das distintas anualidades do plan inclúe tamén 6.000 euros para a difusión e avaliación do plan; e 122.500 euros para a realización dun obradoiro de suturas e cirurxía menor destinado ao persoal dos centros de saúde.
A formación para médicos e persoal de enfermería de atención primaria, de carácter presencial e de 8 horas de duración, oriéntase á realización de suturas e procedementos de cirurxía menor, técnicas de anestesia local, identificación do instrumental cirúrxico que se empregará e aspectos médico-legais.
A este investimento hai que engadir preto de 400.000 euros xa destinados en 2024 á compra de 104 bisturís eléctricos para cirurxía menor, de 145 padiolas articuladas a 7 edicións do obradoiro de formación xa realizadas e á propia elaboración e proposta para levar a cabo o plan.
Así, o persoal capacitado ao efecto, que xa estivera realizando estas operacións ou que realice a formación específica, será o encargado de determinados procesos cirúrxicos das patoloxías establecidas. En particular o Plan de Cirurxía Menor atenderá infeccións da pel (furúnculos, molusco contaxioso, verrugas ou papilomas); afeccións das uñas (unlleiros e paroniquias ou panadizo); lesións traumáticas (ferida cutánea e ferida aberta sen complicación, hematoma subungueal, onicocriptose e outras feridas non especificadas); reaccións a corpos estraños (granuloma por corpo estraño); e quistes (quiste epidérmico e quiste tricolémico).
Esta selección de patoloxías abarca procedementos cirúrxicos sinxelos e de curta duración, baixo anestesia local, que se poden realizar nos propios centros de saúde e sen complicacións posoperatorias esperables. Así, redúcese de xeito significativo a necesidade de derivacións hospitalarias e facilítaselle á cidadanía o acceso ao tratamento das ditas afeccións con menores desprazamentos.
Os protocolos e procedementos previstos para as necesidades de maiores de 16 anos con estas patoloxías foron elaborados por un grupo de traballo con enfoque multidisciplinar. Participaron de xeito activo no deseño do plan perfís da atención primaria (médicos de familia e persoal de enfermería) e da atención hospitalaria (dermatólogos, anatomopatólogos, cirurxiáns xerais e hematólogos).
Unha vez aprobado o Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria 2025-2029, Rueda explicou que “os primeiros centros sanitarios en poñer en marcha este plan”, antes do verán, “serán o centro de saúde Virxe Peregrina, en Pontevedra, e o Centro Integral de saúde (CIS) do barrio da Residencia de Lugo”.
O desenvolvemento deste plan incrementará a motivación dos profesionais, ao potenciar a súa capacidade resolutiva, reforzar a súa relación co paciente e diversificar a súa práctica diaria.
Tal e como se recollen nas metas da Estratexia Galega de Saúde 2030, a Xunta fomenta e fortalece a capacidade resolutiva e finalista da atención primaria, reducindo as derivacións hospitalarias innecesarias, contribuíndo deste xeito a reducir as listas de espera.
Para a cidadanía, especialmente en zonas rurais e semirruais con maior dispersión poboacional, achégase unha cirurxía de calidade con estándares de seguridade e equidade.
Esta iniciativa encádrase en estratexias que, de forma coordinada, contribuirán á mellora continua da atención primaria e a súa capacidade de resolución.
Nesta mesma liña trabállase co Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025, que conta con 35 equipos de enfermería a domicilio, ou os Plans locais de saúde, que promoven accións pensadas especificamente para a poboación de cada concello, barrio ou parroquias.