Lugo en Pé cuestiona o reparto do orzamento destinado ao rural e reclama explicacións a Rubinos

LugoXa
A plataforma considera inxusto destinar a metade dos fondos a unha única parroquia e solicita a comparecencia pública da concelleira
santa-maria-de-muxa-parroquia-lugo
29 Jul 2026

A plataforma Lugo en Pé... na defensa do rural expresou o seu malestar polas explicacións ofrecidas polo Goberno local sobre a distribución do orzamento destinado ás parroquias do municipio. O colectivo critica que o 50 % dos fondos previstos para o rural se destinen á parroquia de Muxa, mentres que a outra metade se reparta entre as restantes 53 parroquias do concello.

A entidade considera que a concelleira responsable, Flor Rubinos, debe ofrecer explicacións públicas sobre os motivos desta decisión, ao entender que favorece claramente unha zona concreta fronte ao resto do territorio rural do municipio.

Desde a plataforma rexeitan a xustificación achegada polo Executivo local, que atribúe esta actuación a unha petición do transportista escolar da zona. Segundo sosteñen, se ese criterio fose válido, tamén poderían formular demandas similares outros profesionais que prestan servizo noutras parroquias do concello.

Lugo en Pé asegura que a situación actual do rural continúa marcada por numerosas carencias, con pistas que precisan labores de desbroce, reparación do firme e limpeza de cunetas. Por este motivo, considera que a distribución dos recursos non responde a criterios de equilibrio nin de igualdade entre as distintas parroquias.

Ante o que cualifican como unha situación preocupante, os representantes da plataforma solicitaron a comparecencia de Flor Rubinos para que detalle os motivos desta decisión e xustifique unha medida que consideran prexudicial para os intereses do conxunto da veciñanza do rural lucense.

0.12286114692688