Lugo en Pé urxe á Xunta a desbloquear a Ronda Leste ante a saturación de Fontiñas

LugoXa
O colectivo denuncia máis dunha década de promesas incumpridas e esixe un proxecto definitivo e un calendario claro
vista-aerea-prolongacion-ronda-leste
24 Mar 2026

O colectivo Lugo en Pé reclamou á Xunta de Galicia que desbloquee de maneira inmediata o proxecto da Ronda Leste, unha infraestrutura que consideran clave para aliviar a presión do tráfico na cidade. Segundo denuncian, “pedimos á Xunta de Galicia desbloquear de inmediato o proxecto da Ronda Este ante a saturación de Fontiñas e o aumento de accidentes no Paseo do Rato”.

Dende a entidade lembran que “durante máis dunha década, a cidadanía escoitou anuncios, partidas orzamentarias e compromisos que nunca se materializaron”, ao tempo que critican que “consignáronse millóns de euros que xamais se executaron” e que, tras tantos anos, “nin sequera existe un proxecto definitivo”. Ao seu xuízo, esta situación “non só resulta incomprensible, senón que está a ter consecuencias directas na vida diaria de milleiros de lucenses”.

Lugo en Pé advirte de que a ausencia desta infraestrutura está a provocar “unha sobrecarga insostible na Avenida de Fontiñas, convertida nunha vía incapaz de absorber o volume de tráfico que recibe cada día”. Neste sentido, subliñan que “a circulación é tan intensa que xa non se trata unicamente dun problema de mobilidade: é un problema de saúde pública, de contaminación e de convivencia nun contorno residencial que non pode seguir soportando esta presión”.

A problemática esténdese tamén ao Paseo do Rato, onde “o incremento de vehículos —especialmente os que se dirixen ao HULA— está a xerar accidentes de tráfico de maneira recorrente”. O colectivo lembra que “o Rato é un espazo natural e de lecer que nunca foi concibido como unha vía de alta capacidade”, pero que na práctica “converteuse nunha alternativa forzada ante a inexistencia da Ronda Este”, o que incrementa “o risco para peóns, ciclistas e condutores”.

Desde Lugo en Pé consideran “inaceptable que, despois de tantos anos, sigamos sen proxecto, sen exposición pública, sen estudo ambiental actualizado e sen un calendario real”, e engaden que “non se pode seguir alimentando a idea de que a obra avanza cando a realidade demostra o contrario”. Por iso, insisten en que “a cidadanía merece claridade, respecto e decisións que se traduzan en feitos, non en anuncios”.

Finalmente, o colectivo esixe á administración autonómica que actúe con urxencia e que “presente de inmediato o proxecto definitivo, que abra o proceso de exposición pública e alegacións, e que estableza un calendario transparente para a súa licitación e execución”. Ao seu entender, “Lugo non pode permitirse seguir adiando unha infraestrutura que é esencial para desconxestionar Fontiñas, protexer o Rato e garantir unha mobilidade segura e sostible”.

0.13684916496277