Lugo, escenario da gala dos premios Mestras e Mestres da Memoria 2024
Camiño Noia Campos e Henrique Peón converteranse este venres en Mestra e Mestre da Memoria 2024 nunha gala en Lugo. As distincións entregaranse no marco da IX Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que conta co apoio do Concello de Lugo e terá lugar este venres 18 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere. a partir das 18.00 horas, con entrada libre até completar capacidade.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2024 respectivamente a Camiño Noia Campos e Henrique Peón, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.
No acto, conducido por Lois Pérez, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antonio Reigosa, quen lerá a laudatio de Camiño Noia Campos, e Pilar García Negro, quen lerá a laudatio de Henrique Peón Mosteiro. Acompañamento musical de Su Garrido Pombo e coa intervención de Celso Fernández Sanmartín.