Lugo estará presente desde o mércores en Fitur

LugoXa

Ferreiro presentou os datos turísticos de 2023, onde Lugo continúa a mellorar os rexistros con case 10.

22 ene 2024

Ferreiro presentou os datos turísticos de 2023, onde Lugo continúa a mellorar os rexistros con case 10.000 persoas máis que no 2022.

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistirá un ano máis á Feira Internacional de Turismo Fitur, onde realzará a cidade de Lugo e os seus valores turísticos. Maite Ferreiro explicou que, un ano máis, “o obxectivo deste ano é continuar amosándolle ao resto do mundo Lugo e os seus valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais. Convidamos a todo o mundo a descubrilo con nós”. A concelleira de Turismo afirmou que “os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galiza”.

Maite Ferreiro deu conta dos datos de turismo acumulados no ano 2023, e anunciou que o Concello de Lugo continúa a crecer en número de visitantes rexistrados nas distintas instalacións dependentes da área de Turismo: A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu a 58920 persoas, case 10.000 máis que no mesmo período de 2022 (49.750). O Punto de Información de Verán rexistrou, ademais, 38.537 persoas nos meses de vacacións.

As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá, e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron, en total, 5.560 visitas, o MIHL acolleu, 18.247 visitantes, mellorando a marca do ano pasado. A Casa dos Mosaicos rexistrou ao final do ano un total de 29.647 visitantes, superando á marca do 2022 cando se rexistraron 15.182 persoas.

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid, Andalucía e Cantabria. EEUU, Arxentina e Francia foron os países con máis visitantes rexistrados durante o pasado 2023.