Lugo estrea o transporte rural a demanda con conexión diaria a Sindicatos e ao HULA

Este luns, 16 de febreiro, entra en funcionamento o novo servizo municipal de transporte rural a demanda, unha iniciativa pioneira que sitúa a Lugo como a segunda cidade galega en ofrecer transporte público nas zonas ás que non chegan nin o bus urbano nin o metropolitano.
O dispositivo prestará servizo de luns a venres e conectará os núcleos de Vilachá, Labio, O Pondelo e As Regas con catro frecuencias diarias. As saídas cara a Sindicatos realizaranse ás 8:35, 12:35, 16:25 e 20:55, mentres que as conexións co HULA serán ás 8:25, 12:35, 16:15 e 20:45. A tarifa será de 0,64 euros por traxecto, o mesmo importe que un billete do bus urbano. Segundo explicou o tenente alcalde, Rubén Arroxo, o funcionamento será semellante ao do transporte convencional, con liñas, horarios e paradas fixas, sempre que exista demanda previa.
Arroxo detallou que esta experiencia piloto desenvolverase durante os vindeiros meses e permitirá avaliar tanto as necesidades reais como o grao de utilización por parte da veciñanza, co obxectivo de planificar a súa extensión a outras parroquias. O responsable municipal sinalou que antes da súa posta en marcha mantivéronse diversas reunións con asociacións veciñais e co colectivo de taxistas para coordinar o servizo nestes catro núcleos.
O plan conta cun orzamento de 15.000 euros e manterase activo ata esgotar a partida económica prevista. A Tenencia de Alcaldía empregará esta fase inicial para analizar o comportamento do servizo e anticiparse aos retos que poidan xurdir de cara á súa implantación definitiva. O edil de Mobilidade incidiu en que se traballará para consolidar unha prestación chamada a ter un papel relevante no rural lucense, apostando por avanzar de maneira progresiva e con datos reais que permitan configurar un sistema eficaz e adaptado á demanda.
As persoas residentes nos núcleos incluídos poderán reservar o transporte chamando ao 982 213 377 antes das 22 horas do día anterior ao desprazamento. Con esta medida, o Concello amplía os servizos dirixidos ao rural e facilita o acceso ao transporte público en máis zonas, tendo en conta que, tal e como apuntou Arroxo, resultaría inviable que o bus urbano atendese as 54 parroquias do municipio, mentres que esta alternativa garante mobilidade a un custo asumible.