Lugo estrearase como Capital da Cultura con concertos de Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga

LugoXa
A Capital da Cultura 2023 estrearase en Lugo cos concertos de Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga
Capital cultura eixo
27 Jan 2023

O Auditorio Gustavo Freire acollerá o vindeiro día 23 de febreiro o evento inaugural da quinta edición da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, quen subliñou que os artistas encargados de abrir o telón desta cita transfronteiriza serán Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga. “A Capital da Cultura pretende ser unha fiestra aberta á riqueza cultural da eurorrexión e por iso queremos inaugurar o evento unindo nun mesmo escenario o talento lucense de Abraham Cupeiro e o talento portugués da man da Filarmónica de Braga”, apuntou a rexedora.

Lugo recollerá neste 2023 o relevo de Braga como capital cultural do Eixo, logo de que a Asamblea deste organismo avalara por unanimidade a candidatura presentada. A alcaldesa lembrou que “esta cita situaranos no mapa cultural internacional e servirá para reforzar os vínculos que mantemos as localidades galegas e portuguesas do Eixo”.

A programación desenvolverase ata o mes de novembro e contemplará non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que a programación incluirá unha “interesante proposta vinculada ao pasado e a tradición, ao mesmo tempo que impulsa unha visión moderna de innovación e vangarda, cunha ampla oferta cultural pensada para a participación de público de todas as idades”.

O Concello de Lugo dedicará ao Eixo Atlántico unha praza emblemática da cidade, na que recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras, a carón da Praza Viana do Castelo, onde quedará plasmada, así mesmo, a través dun mural de arte urbano, a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión.

O evento de inauguración terá lugar o 23 de febreiro, a partir das 19:30 horas no Auditorio Gustavo Freire coas actuacións de Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga.

Abraham Cupeiro, nado en Sarria en 1980, é un músico e musicólogo galego, coñecido por recuperar e reconstruír instrumentos da antigüidade; pola súa banda, a Orquestra Filarmónica de Braga é unha orquestra, fundada en Braga en 2015. Esta formación realizou numerosos concertos en Portugal e no estranxeiro, incluíndo unha xira en China, onde actuou en seis cidades diferentes. Desde a súa fundación está dirixida polo mestre Filipe Cunha.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.194983959198