Lugo explora unha estratexia de lonxevidade con propostas de investigación e innovación

LugoXa
Elena Candia reuniuse con ProRural e coa Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia para estudar iniciativas como un laboratorio, unha cátedra universitaria e un espazo de participación cidadá
reunións-Concello-de-Lugo-con-ProRural-e-coa-Sociedade-Española-de-Médicos-Xerais-e-de-Familia-(SEMG)
21 Oct 2026

O Concello de Lugo está a explorar novas vías para converter a cidade nun referente en lonxevidade saudable, cunha estratexia que combine o benestar das persoas maiores, a súa participación social e as oportunidades económicas vinculadas ao envellecemento. Neste marco, a alcaldesa, Elena Candia, mantivo reunións con representantes de ProRural e da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) para analizar posibles proxectos de colaboración.

Un dos encontros foi co presidente de ProRural, José María López Bourio, cunha conversa centrada na elaboración dunha estratexia de lonxevidade, a creación dun laboratorio específico e a colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A reunión permitiu abordar posibles fórmulas para aproveitar o coñecemento e as experiencias existentes e impulsar iniciativas que relacionen benestar, participación social e desenvolvemento local.

Candia reuniuse tamén con Pilar Rodríguez Ledo, presidenta da SEMG e médica de familia vinculada ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), para estudar propostas relacionadas coa investigación, a innovación e a participación cidadá.

Entre as posibilidades analizadas figura aproveitar o coñecemento xerado polos proxectos de investigación RENACE e REGACE, así como impulsar unha posible cátedra vinculada ao Campus Terra. Tamén se expuxo a creación dun Living Lab, un espazo no que a cidadanía poida participar no deseño e na avaliación de solucións relacionadas coa lonxevidade.

A organización dun hackathon centrado no envellecemento e a procura de vías de financiamento mediante mecenado ou patrocinio completan as propostas abordadas nos encontros.

A estratexia municipal pretende ir máis alá da atención ás necesidades derivadas do envellecemento e recoñecer tamén a experiencia, o talento e a capacidade de contribución das persoas maiores. Neste sentido, o Concello prevé activar en novembro o Consello do Maior, un órgano destinado a incorporar as súas opinións e propostas á reflexión sobre a cidade e ás decisións que afectan á súa vida cotiá.

"Non se trata só de pensar en como coidalas, senón tamén de escoitalas, valorar todo o que poden achegar e contar con elas para construír solucións que melloren a vida de todos", sinalou a alcaldesa.

A iniciativa tamén busca explorar oportunidades vinculadas á denominada *silver economy*, que abrangue produtos, servizos e solucións dirixidos principalmente á poboación maior de 50 anos. O Concello relaciona esta liña de traballo con proxectos como a futura residencia de Ballesol en Recatelo e coa posibilidade de desenvolver novas propostas que melloren os servizos e o benestar nunha sociedade cada vez máis lonxeva.

0.15010690689087