Lugo habilitará 13 novas zonas de estacionamento para motocicletas
Comezará unha nova actuación para aumentar os espazos de estacionamento reservados ás motocicletas. En total, habilitaranse 13 novas zonas que permitirán "facilitar que a veciñanza aposte por medios de transporte distintos ao coche", indica o tenente Alcalde do Concello de Lugo e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo. O Goberno de Lugo optimizará os espazos de estacionamento da cidade, habilitando novas zonas para motocicletas, aproveitando espazos novos ou zonas sobrantes en estacionamentos en liña de coches.
Esta solución executarase na praza Mártires de Carral, en catro puntos da Rolda da Muralla (cruce con Montero Ríos, 47, 112 e 130), na rúa Noriega Varela, na avenida Doutor García Portela, avenida Rodríguez Mourelo, praza da Milagrosa, rúa Angelo Colocci, praza Augas Férreas e en dous puntos da rolda das Fontiñas, á altura dos números 123 e 171. Os traballos consistirán na renovación da sinalización dos estacionamentos xa existentes e na creación de novas zonas. Por exemplo, no cruce da Rolda da Muralla con Montero Ríos, aproveitarase a zona con cebreado como estacionamento para motos.
Para isto, procederase ao fresado do cebreado existente, e pintaranse novas marcas viais de motos, habilitando unha zona de estacionamento para motos de dimensións aproximadas 7x2,5m. Esta mesma solución executarase na avenida Doutor García Portela, na esquina coa rúa Puro Cora, creando unha zona de estacionamento para motos de dimensións
aproximadas 4x2m. En distintas zonas aproveitaranse espazos de estacionamento actuais para aumentar a cantidade de estacionamentos para motos, facilitando que as persoas usuarias deste tipo de vehículos poidan atopar lugar onde estacionar, "facendo que as nosas rúas conten con menos tráfico", afirmou Rubén Arroxo.
--