Lugo homenaxea a Armando Durán no Día de Defuntos e despide o Altar das Lembranzas

O Concello de Lugo celebrará mañá, 2 de novembro, os actos institucionais do Día de Defuntos no cemiterio de San Froilán, cunha homenaxe especial ao científico lucense Armando Durán Miranda. O seu fillo Carlos Durán participará xunto á Corporación municipal na tradicional ofrenda floral, nunha xornada dedicada á lembranza das persoas falecidas.
A programación comezará ás 12.30 horas cunha misa presidida polo bispo e continuará ás 13.30 horas coa ofrenda floral, acompañada por unha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música. A participación da familia Durán está vinculada á cesión gratuíta ao Concello, en marzo de 2012, do mausoleo familiar, cumprindo así un dos desexos de Armando Durán. A construción, de estilo neogótico e procedente do antigo cemiterio de Magoi, foi recoñecida en 2015 como mellor monumento arquitectónico funerario no Concurso de Cemiterios de España.
Nado en Lugo en 1913 e falecido en 2001, Armando Durán foi catedrático de Óptica da Universidade Complutense de Madrid e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Mantivo unha estreita relación coa súa cidade natal e participou no impulso de iniciativas como a Escola de Comercio de Lugo.
A xornada servirá tamén para clausurar a estancia no cemiterio de 'O Altar das Lembranzas. Camiño ao Mictlán', unha instalación promovida polo proxecto AMMIGOBS que se trasladará ao Vello Cárcere, onde permanecerá do 4 ao 15 de novembro. Trátase do primeiro altar prehispánico instalado nun cemiterio de Galicia, unha proposta artística que conecta as tradicións mexicanas e galegas a través da memoria, a arte e as linguas.
Deseñado pola artista mexicana Soila Jankowska e comisariado por Daniel Manuel Vázquez Vila, o altar reúne pezas de artesanía elaboradas durante cinco meses. A súa continuidade no Vello Cárcere incluirá dous obradoiros gratuítos, ambos ás 18.00 horas: 'Decora a túa calaverita', o mércores 4, e 'O alebrije que habita en min', o venres 6, dedicado ao xoloitzcuintle, o can guía das almas cara ao Mictlán. Cada actividade contará con 15 prazas e require inscrición previa por WhatsApp no 633 912 489.