Lugo homenaxea a Xesús Alonso Montero, profesor do IES Lucus Augusti durante 16 anos

LugoXa

O IES Lucus Augusti continúa coa preparación da homenaxe a Xesús Alonso Montero, que foi profesor deste centro entre os anos 1960 e 1976.

16 abr 2024

O IES Lucus Augusti continúa coa preparación da homenaxe a Xesús Alonso Montero, que foi profesor deste centro entre os anos 1960 e 1976. O programa do acto que terá lugar este venres 19 de abril comezará ás 12.00 horas cunha recepción no vestíbulo do instituto para continuar o encontro no salón de actos. A partir das 14.30 horas, terá lugar o xantar de confraternización no restaurante Méndez Núñez.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) foi docente en Lugo entre 1960 e 1975. Ourensán de nenez, universitario en Madrid e posterior profesor de Universidade en Vigo e Santiago, referiríase sempre á súa etapa lucense como central na súa vida académica e persoal. En Lugo viu medrar os seus tres fillos, que aquí foron á escola e cursaron ou iniciaron os seus estudos de Bacharelato.

No instituto que hoxe leva o nome de Lucus Augusti, e máis na Escola Normal de Maxisterio, desenvolveu un labor docente dunha altura da que sempre deron fe os seus innumerables discípulos. Entre eles non faltaron os cultivadores  das letras, que entón recibiron tantas clases maxistrais de lingua e literatura españolas nas que don Xesús ―así para sempre no recordo dos que sentaban nos pupitres― instruía o mesmo sobre a subordinación adverbial ca sobre a métrica do Mester de clerecía. Nunca esqueceu as súas raíces histórico-culturais e familiarizou aos seus novísimos alumnos coas cantigas de Martín Códax, coas inquedanzas de Rosalía ou algunha vez, cos factores que confluíron na rebelión irmandiña.

Mestre subversivo, incansable conferenciante e colaborador de prensa para seguir, e, para rematar, malia que tantos outros “factores” que naqueles tempos tamén adoitaban “confluír” en quen simplemente basease o seu ensino na liberdade de pensamento quixesen ―sen conseguilo― caracterizalo unilateralmente tan por baixo da súa dificilmente mensurable elevación intelectual e, sobre todo, humana.