Lugo homenaxea aos pedáneos das súas 54 parroquias

LugoXa
A alcaldesa de Lugo presidiu o acto de homenaxe que o Goberno local organizou para os pedáneos e pedáneas das 54 parroquias do municipio, coincidindo co Día do Mundo Rural
pedaneos_lugo
Acto de homenaxe aos pedáneos da cidade
15 Maio 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada da concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, presidiu o acto de homenaxe que o Goberno local organizou na Casa Consistorial para os pedáneos e pedáneas das 54 parroquias do municipio, coincidindo co Día do Mundo Rural e a celebración de San Isidro Labrador.

No Día do Mundo Rural, a rexedora destacou o traballo dos lucenses, xa que cada un deles representan “unha canle aberta entre as demandas das nosas 54 parroquias e o Concello”. De feito, xogan “un papel fundamental na xestión municipal e o facedes ademais amosando un traballo e unha implicación admirable, que contribúe decisivamente ao desenvolvemento do noso rural e que  axuda a que os nosos núcleos continúen sendo lugares de oportunidades onde poder desenvolver un proxecto de vida”, apuntou.

Alvarellos asegurou que “Lugo non se pode entender sen a súas parroquias; son parte fundamental da nosa identidade, das nosas tradicións e da nosa cultura como pobo; creo, sinceramente que Lugo non sería a cidade que é sen toda esta riqueza social que ademais representa o 80 por cento do territorio do municipio e ao 10 por cento da súa poboación”.

Como obrigas recordou á de escoitar as demandas de todos e cada un dos veciños e veciñas. “E vós representades a voz da veciñanza das vosas parroquiais. Por iso, contade sempre coa miña vontade de escoitar, traballar arreo e lograr que Lugo mellore en todo aquelo que sexa necesario”, subliñou. Neste senso, a rexedora avanzou algunha das actuacións que o Executivo  municipal está a promover para mellorar a calidade de vida no rural.

Entre elas, a ampliación ordenada da rede municipal de augas en aquelas parroquias onde por posibilidades técnicas é posible facelo; tamén acondicionando camiños e vías; colaborando coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, para a procura de terreos nos que proceder á instalación de torres coas que mellorar a cobertura móbil nas zonas sen cobertura.

“E, así mesmo, recentemente procedemos á instalación de 1.400 colectores de lixo e traballamos para mellorar o funcionamento dos locais veciñais e o deseño da programación sociocultural nas parroquias”. Finalmente, Alvarellos fixo un chamamento tamén ás novas xeracións: “Espero que o exemplo que estades a dar todos e todas, supoña un referente para inspirar aos nosos mozos e mozas e así garantir un relevo xeracional que axude a dar continuidade ao voso traballo”.

0.18492913246155